
O portavoz do PP de Poio, Ángel Moldes, anunciou este mércores que, despois de que no Pleno do martes "o tripartito aprobara a subida do Ibi e do IVTM, e o PP de Poio votara en contra", levará a modificación da ordenanza do Ibi "ante os tribunais" por entender que "non se axusta á legalidade vixente xa que, ademais, hai diversa xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e de máis Comunidades Autónomas que anula estes recargos a vivendas desocupadas".
Os populares aseguraron que acudirán ao Xulgado Contencioso Administrativo "«unha vez que a modificación provisional sexa definitiva", xa que ten que superar o trámite de exposición pública no BOP para entenderse a aprobación, co obxectivo de "impugnar o apartado corresponde ao recargo do 25% ás vivendas desocupadas". Segundo valorou Moldes, o tripartito "pretende subir un 25% do Ibi ás vivendas desocupadas co único criterio de que nos últimos seis meses non estea ninguén censado na vivenda, pero ao ser este o único requisito que estableceron é ilegal, xa que podes non estar censado nunha vivenda, por non ser a vivenda habitual, pero ter consumos de luz e de auga que indica que esa vivenda está habitada e non desocupada".
Os populares aseguraron que "si é posible que os Concellos impoñan un recargo de ata un 50% a vivendas desocupadas", aínda que "ningún Concello de Galicia aplica isto na práctica". Neste sentido, denuncian a consideración de desocupación por parte do tripartito. "Non pode establecer a súa propia definición do que é unha vivenda desocupada, e neste sentido irá a nosa denuncia xudicial, xa que así o están a confirmar os distintos Tribunais".