lunes. 23.05.2022 |
El tiempo
lunes. 23.05.2022
El tiempo

O PP de Poio pon en dúbida a seguridade da auga do pozo Pedra Agulla ante o seu deterioro

Exterior do pozo Pedra Agulla na actualidade. CEDIDA
Exterior do pozo Pedra Agulla na actualidade. CEDIDA
Os 'populares' aseguran que esta auga "abastece á maioría das vivendas de Chancelas", mentres que dende o Goberno local sosteñen que está en desuso

O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, deu onte a voz de alarma ante o avanzado estado de deterioro do pozo Pedra Agulla, sostendo que se trata dun manantial que "abastece de auga corrente á maioría das vivendas de Chancelas", e solicitou onte ao Goberno local que "garanta a seguridade da auga que consumen os veciños deste núcleo de Combarro".

A estas críticas saiu ao paso a edil de Obras e Servizos e tenente de alcalde, Chelo Besada, quen quixo "aclarar" que "o pozo ao que fai mención o PP leva moitos anos xa en desuso".

Besada quixo ofrecer explicacións sobre as redes de abastecemento poienses, sinalando que "é o depósito de Pomar, ademais da rede que provén de Pontevedra, o que abastece ás persoas residentes nesta zona. Actualmente os depósitos e manantiais activos en Poio son, ademais de Pomar, os de Albar, Boavista, Sartal, Vilariño, Samieira e A Serpe", afirmou.

A denuncia do PP e a resposta do Goberno local provocaron un cruce de acusacións no que ambos frentes se acusaron de "mentir". Segundo o voceiro 'popular', no caso de Pedra Agulla, "como explican os veciños da zona, trátase de manantiais que no seu día eran veciñais, pero hai anos que o Concello asumiu a súa xestión aínda que, como se pode comprobar, na actualidade están nunha situación de abandono e deterioro difíciles de entender, xa que estamos falando de servizos básicos pero tamén de dereitos básicos, como garantir unha seguridade e un subministro de auga apta para o consumo".

Moldes, quen visitou o pozo, "avisado polos veciños", denunciou o seu profundo deterioro e a presenza de "vexetación e lodo" e esixiu "unha actuación inmediata para limpar o pozo, arranxar a porta para evitar a entrada de persoas ou animais, facer as reparacións necesarias e controlar o seu estado de agora en adiante", advertindo de que "é unha resposabilidade do Concello. Estamos falando da auga que beben os nosos veciños", asegurou.

O voceiro 'popular' afirmou que o partido "trasladoulles aos veciños afectados o apoio do PP para que vexan garantida a seguridade do subministro", ademais de contactar co tripartito.

CRÍTICA DO GOBERNO. A tenente de alcalde, Chelo Besada, dirixiu duras críticas ao Partido Popular ante as acusacións sobre o estado do pozo. "Dicir que a maioría dos veciños de Chancelas se abastecen a través dese depósito é mentir descaradamente, algo ao que o señor Moldes nunca renuncia para buscar crispacións absurdas", dixo Besada.

Para a tamén edil de Obras e Servizos, "é lamentable comprobar como o señor Moldes, despois de dez anos sendo o voceiro da oposición, sigue negándose a abandonar esa política de mentiras que xa lle levou a perder calquera tipo de protagonismo no PP provincial. Convidámolo a que deixe de facer o ridículo e aposte dunha vez por facer oposición sería", manifestou. O PP, pola súa banda, reafirmouse na denuncia sobre o pozo.

O PP de Poio pon en dúbida a seguridade da auga do pozo Pedra...
Comentarios