O PP solicita a dotación de novos aseos para o reformado campo da Seca

O campo foi reformado recentemente a través do Plan Concellos 2018 da Deputación
O campo de fútbol da Seca, trala reforma. DP
photo_camera O campo de fútbol da Seca, trala reforma. DP

O concelleiro do Partido Popular de Poio Cándido 'Tucho' Muíños expresou este sábado a súa satisfacción polas obras de mellora que se levaron a cabo no campo de fútbol da Seca, que agora pasa a contar cunha céspede sintética de última xeración, en substitución da herba natural da que dispuña anteriormente.

A obra foi executada a través de fondos correspondentes ao Plan Concellos 2018, impulsados pola Deputación de Pontevedra. O orzamento total ascendeu a 400.000 euros. En todo caso, Muíños tamén anunciou a intención da súa agrupación de solicitar que se habiliten uns aseos "acordes a estas novas instalacións", unha petición que será formulada na vindeira sesión da Comisión de Deportes.

Non é normal que un campo deste tipo non teña uns aseos adecaudos

"Estamos contentos co novo terreo de xogo do campo de fútbol da Seca e mais sabendo que vai ser desfrutado por nenos, nenas, xóvenes e maiores. Pero non é normal que un campo deste tipo non teña uns aseos adecaudos, xa sen entrar a valorar que noutras épocas da Deputación de Pontevedra a construción deste tipo de campos levaban acompañados sillas individuais de plástico no graderío, máis vestiarios, toda vez que estes terreos de xogo de herba sintética permiten partidos continuados, entre outras vantaxes", indica Muíños.

"O que non é normal e que esta renovada infraestrutura non dispoña de baños en condicións e un exemplo é que o mesmo día da inauguración a xente que precisaba ir ao servizo tiña que atravesar a cantina do campo de fútbol e utilizar os baños do pavillón", destaca Muíños. O Partido Popular confía en que a súa petición sexa tida en conta no menor tempo posible.

Comentarios