O PP de Poio tacha de 'copia e pega' o borrador da Ordenanza de Terrazas

Os populares atoparon mencións ao Concello de Narón e coincidencias na maior parte do texto, que está en fase de consultas
TURISTAS EN COMBARRO
photo_camera Unha das terrazas situadas en Combarro, Poio. D.P.
Ángel Moldes e Rocío Cochón, na sede dos populares en Poio. DP
Ángel Moldes e Rocío Cochón. DP

Consultas previas. Esa é a fase na que se atopa o traballo para dotar ao Concello de Poio dunha ordenanza propia para regular o uso e ocupación de terrazas e espazos públicos. A fase iniciouse o pasado 10 deste mes e o anuncio da información pública, así como o enlace da Administración Electrónica no que se atopa o borrador previo están dispoñibles no portal de Transparencia do Concello de Poio. 


A pesar de que as consultas previas, sobre un borrador son unha fase moi inicial de calquera plan, o PP considera alarmante, despois de ler o texto -e tamén tendo en conta os prazos propostos polo concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro-, pensa que tal vez o traballo nesta ordenanza pode estar a carecer de seriedade. 

O motivo non é outro que ter atopado no interior do texto de referencias a Narón que levaron aos edís, en especial a Rocío Cochón, responsable de fiscalización da área de Urbanismo, a buscar a ordenanza de Narón e a comparala co borrador que hai a disposición dos veciños en Poio. A edil di que "salvo algunhas horas e matices" o resto do texto é "unha fotocopia".

O PP indica que "non vale xustificarse con que este é un documento de inicio, porque realmente o que reflicte é que non fixeron absolutamente nada, o único foi cambiar dous horarios e dúas distancias e copiar literalmente a ordenanza do Concello de Narón" e sospeita que despois diso, na fase de traballo, "sexamos a oposición do Partido Popular os que o completemos coas nosas achegas".

O certo é que o momento na redacción da ordenanza é o previo á elaboración dun texto definitivo. O edil de área, Xulio Barreiro, anunciou que o documento estaba a disposición dos veciños e veciñas, pero tamén que se explicaría o posible contido en reunións co sector, coa veciñanza e coas parroquias, nas que se traballará "aprobar un documento definitivo baseado no consenso e coa posibilidade de que toda a Corporación poida realizar as achegas que considere axeitadas para facer unha ordenanza o máis completa posible", indicou o edil na presentación da proposta.