O PPdeG celebrará o 7 de setembro o seu acto de inicio de curso en Cerdedo

Tellado destaca que en Galicia o PP é un "aglutinador" do centro dereita e lembra que Cs e Vox rexeitaron 'España Suma' 

Miguel Tellado. ÓSCAR CORRAL (EFE)
photo_camera Miguel Tellado. ÓSCAR CORRAL (EFE)

O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, avanzou este venres que o PPdeG celebrará o seu acto de inicio do curso político o vindeiro sábado 7 de setembro, no que non estará o presidente do PP, Pablo Casado, a pesar de que nun principio estaba prevista a súa asistencia.

Con todo, Casado si visitará a semana seguinte Galicia, xa que acudirá o sábado 14 a un acto en Santiago de Compostela. Así, nunha rolda de prensa, Tellado indicou que, "como vén sendo habitual", o acto de inicio de curso do seu partido levarase a cabo na Carballeira de San Xusto do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade e prevese a asistencia a este "icónico" lugar de até 800 persoas, entre a directiva autonómica do PPdeG, así como afiliados, alcaldes e portavoces de municipios de toda Galicia.

O secretario xeral dos populares galegos destacou que todo o seu partido está co ánimo de enfrontar uns meses "politicamente interesantes" e de "moito traballo" xa que, "como mínimo", haberá unhas eleccións (as autonómicas), aínda que, segundo lamentou, "tamén poida que haxa outros comicios electorais xerais o 10 de novembro".

Sobre a asistencia de Pablo Casado a Galicia o sábado 7, durante a rolda de prensa Tellado sinalou que o PPdeG "estaba a traballar" para que acudise, aínda que aínda non "confirmara" a súa presenza. Con todo, a pesar de que fontes da dirección nacional do PP aseguraron hai uns días que o presidente popular si acompañaría ao PP galego, como cada ano como cada ano facía Mariano Rajoy, no seu arranque de curso político (aínda que aínda non se coñecía a data), posteriormente o PPdeG informou este venres que finalmente Pablo Casado non estará en Galicia o día 7 "por problemas de axenda", aínda que si visitará Santiago de Compostela o sábado seguinte.

Preguntado acerca de se a non asistencia de Pablo Casado significaría un distanciamento entre o PPdeG e a directiva nacional do partido, resolveu o tema dicindo que "non hai polémica" e subliñou que a conexión entre ambas as cúpulas "é total". Tamén insistiu en que desde que Casado é presidente do PP, Galicia é unha das comunidades que máis visitou.

'GALICIA SUMA'. En relación ás declaracións da portavoz do Grupo Popular no Congreso, Cayetana Álvarez de Toledo, que se volveu a mostrar a favor de que o PP galego se presente ás eleccións autonómicas integrado con outras forzas como Ciudadanos e Vox baixo o nome de 'Galicia Suma', Tellado insistiu en que os primeiros que mantiveron dúbidas sobre a fórmula 'España Suma' "foron Cs e Vox".

"Unha vez que eles rexeitan esa fórmula o demais son opinións. Nós mantemos o que dixemos e ademais foi perfectamente avalado por Pablo Montesinos (vicesecretario de comunicación do PP) na súa visita a Galicia. En Galicia a figura de Alberto Núñez Feijóo e as siglas do Partido Popular de Galicia son un aglutinador do espazo político do centro dereita", destacou Miguel Tellado este venres ante os medios. Desta maneira, lembrou que nas anteriores eleccións autonómicas o PP foi elixido polo 48% dos votantes e indicou que é o "antídoto" do nacionalismo en Galicia.

Comentarios