Premiados dous estudantes de Poio por un proxecto centrado na loita contra a velutina

O traballou gañou o primeiro premio en Exporecerca, a feira científica para xoves investigadores máis importante de España
Nuno Sinde e Pedro Fernández xunto a María Machicote. DP
photo_camera Nuno Sinde e Pedro Fernández xunto a María Machicote. DP

Un proxecto de dous alumnos de Bacharelato Internacional do Colexio Internacional SEK-Atlántico de Poio, centrado na loita biolóxica contra a avespa velutina, vén de gañar o primeiro premio en Exporecerca, a feira científica para xoves investigadores máis importante de España, onde tamén conseguiron o Premio Jóvenes Investigadores e o Mejor Trabajo en Biología.

Trátase de Nuno Sinde e Pedro Fernández. En 2019 fixéronse co primeiro premio en Galiciencia con este mesmo proxecto, o que lles permitiu participar nesta feira internacional en Barcelona. Agora terán a oportunidade de presentalo noutros certames para xoves investigadores en Málaga e tamén en California.

No seu proxecto Nuno e Pedro ofrecen unha sorprendente abordaxe para un problema que cada vez é máis preocupante dentro e fóra de Galicia. Partiron da idea de buscar un axente natural para controlar a invasión desta especie, procedente do continente asiático e que está a destruír moitas abellarizas no norte da Península Ibérica desde a súa chegada no ano 2005.

O controlador natural testado con éxito por estes estudantes é un fungo, o Cordyceps militaris, que, segundo comprobaron, pode inocularse nos niños das avespas e alimentarse das quitinas das súas larvas, reducíndose así a súa poboación e evitando o uso de insecticidas químicos.

Propoñen a súa utilización en todo o suroeste francés, o norte de España e o norte de Portugal, especialmente nas súas zonas húmidas, que é onde a velutina se instalou grazas a unha perfecta adaptación ao clima atlántico europeo.

Nuno Sinde e Pedro Fernández propoñen controlar a poboación de velutinas inoculando nos niños o fungo Cordyceps militaris

Un controlador natural e aceites vexetais

"O controlador natural debía ser una especie existente no ecosistema para que non o afectara, por iso pensamos nun fungo", indican os rapaces. "Polo de agora os distintos métodos de combate contra esta praga non foron demasiado efectivos, xa que o avance anual é de varios quilómetros. Todas as trampas que inventaron ata o momento os apicultores teñen como finalidade matar o maior número de velutinas posible. Ao contrario, o noso propósito é que saian vivas da trampa, transportando un fungo letal para esta especie", explican Nuno e Pedro.


Os rapaces explican que o fungo escollido é apto, xa que probaron mediante experimentos en laboratorio que non só será capaz de medrar e de sobrevivir sobre a avespa, senón que tamén poderá converter o niño nun lugar axeitado para a súa reprodución. "O Cordyceps militaris posúe unha forza de propagación moi superior á de moitos outros fungos similares", aseguran. 

Ademais, desde os inicios deste proxecto, os dous estudantes lograron importantes avances. Así, están a usar novos materiais para conseguir atraer as avespas, en particular aceites vexetais.

Nuno e Pedro remarcan que "cómpre o control desta especie invasora de avespas que proveñen de Asia porque limitan a biodiversidade de moitos ecosistemas, ao non existir ningún depredador natural que controle a súa poboación, polo que é necesario axudar co respaldo da tecnoloxía e o avance científico de cara a combater un insecto realmente daniño para a natureza do suroeste europeo". 

A titora destes alumnos, a profesora María Machicote, sinala que "Galiciencia abriunos moitas portas e agora estamos a vivir experiencias moi enriquecedoras para os rapaces, que co seu traballo e constancia están a conseguir logros moi importantes".

Comentarios