Preto de 30 empresas foron asesoradas por Reimpulsa Poio

Promoción económica aposta por dar continuidade no futuro a este proxecto
Os integrantes de Reimpulsa Poio fixeron balance do programa. DP
photo_camera Os integrantes de Reimpulsa Poio fixeron balance do programa. DP

Preto de 30 profesionais e responsables de diferentes empresas e negocios tomaron parte ao longo dos últimos meses no programa Reimpulsa Poio. Esta iniciativa, desenvolvida a través do departamento de Promoción Económica, deu continuidade a outros proxectos similares, que xa contaron cun éxito moi similar no pasado, e que, nesta ocasión, incidía na importancia de dar un pulo ao potencial deste tecido a nivel local, sobre todo tendo en conta as dificultades provocadas pola pandemia.

O concelleiro responsable desta área, o socialista Gregorio Agís, explica que "puxemos a disposición dos e das participantes un equipo de profesionais, para analizar fórmulas de recuperación da actividade e tamén para detectar novas oportunidades neste contexto". 

A través das diferentes reunións convocadas de xeito regular (presenciais mentres o permitiu a situación sanitaria e, posteriormente, telemática), traballáronse aspectos como a innovación en eidos como a comunicación ou o marketing, poñendo en valor o uso das redes sociais e as novas tecnoloxías. Neste sentido, ofrecéronse pautas para desenvolver promocións e vídeos ou campañas de merchandising.

Agís tamén salienta que outro dos aspectos nos que se fixo fincapé ao longo destes meses é na creación de alianzas e sinerxias de traballo. "O labor en equipo é fundamental para garantir a dinamización da actividade comercial e empresarial a nivel local, máxime despois das dificultades coas que se atopan os profesionais", dixo. O concelleiro afirmou que o programa é "xa un referente na Administración local" e confirmou que a intención do departamento é "darlle continuidade no futuro". 

Comentarios