O primeiro acto da Festa da Ameixa máis agardada consagrouse á xente do mar

O Concello homenaxeou a preto de 50 mariscadoras e mariscadores xubilados nos anos 2019, 2020 e 2021
Asistencia de público á homenaxe. RAFA FARIÑA
photo_camera Asistencia de público á homenaxe. RAFA FARIÑA

Aínda que Campelo, a súa contorna e o marisqueo do fondo da ría son os protagonistas da Festa da Ameixa por dereito propio, este ano, o primeiro acto da XXXIV edición deste evento consagrouse a 47 persoas con nome e apelidos que representan ao sector.

Trátase das persoas, na súa maioría, mulleres, que se xubilaron no transcurso deste último ano, ademais das remesas de mariscadoras e mariscadores retirados nos dous anos anteriores que, por mor da pandemia, non tiveron este recoñecemento público.

A Festa do Mar sempre comeza rendindo tributo aos e ás que deixan paso para a renovación nun sector que é o motor económico e social de Poio, pero nesta ocasión, os dous anos de parón fixeron que a promoción de xubiladas e xubilados sexa a máis numerosa de cantas se teñen producido. Un total de 47 traballadoras e traballadores, das que a meirande parte colgou os aparellos no 2019, cunhas 34 xubilacións. No máis duro da pandemia, 2020, outras 13 fixeron o mesmo, e xa no pasado ano foron nove as persoas que deixaron o mar.

O edil de Festexos, Xosé Luís Martínez, foi o mestre de cerimonias deste recoñecemento, e a Corporación foille facendo entrega aos e ás participantes do seu detalle de recordo desta cita. Así, entre outros, a mariscadora Pastora Balea recibiu a flor e o detalle institucional de mans da súa filla, a concelleira do PP, Nati Torres.

Nelson Quinteiro tamén exerceu de mestre de cerimonias e tamén o seu espectáculo Fala-Me Galician Trad Cabaré foise intercalando entre as distintas remesas de entregas de galardóns, nas que non faltou a emoción, pois moitos dos presentes foron compañeiros durante anos e gardaban lazos de parentesco entre eles, amizade e veciñanza.

Outro ingrediente do día foi a entrega de premios para os tres primeiros clasificados no Concurso de Fotografía Festa da Ameixa 2022. O gañador foi Carlos Andrés Pereira, cunha imaxe titulada O futuro do mar, mentres que o segundo posto foi para Carmen Carreiro por Redes. A terceira praza foi para José E. Erís por Traballando co raño. Os premios foron de 300, 200 e 100 euros, respectivamente, a gastar na compra de material fotográfico.

Na xornada tamén houbo tempo para agradecer o esforzo do resto dos traballadores aínda en activo do mar. Xosé Luís Martínez lembrou do "traballo contrareloxo" realizado por todo o sector de a flote nas últimas dúas xornadas para poder manter a data de apertura das casetas de degustación desta festa. Así, en canto se coñeceu que as analíticas dos bancos marisqueiros de a flote daban negativo para toxina, o sector fixo "un esforzo encomiable", segundo destacou o concelleiro, por dotar do marisco necesario á organización do evento.

A degustación levarase a cabo tanto este sábado coma o domingo 18 de setembro, con apertura ás 12.30 e ás 12.00 horas, respectivamente, con prezos de 8 euros para as racións de ameixa con arroz ou con fideos, e os 9,50 das ameixas á mariñeira.

Comentarios