"O primeiro que hai que facer cando chegan as eólicas á porta é sospeitar"

Luís Bará é o deputado do BNG que defendeu no parlamento unha moratoria ao plan eólico
Luis Bará. GONZALO GARCÍA
photo_camera Luis Bará. GONZALO GARCÍA

Cada dous ou tres días aparece vostede nun municipio distinto acompañando a un colectivo que alerta sobre un proxecto eólico. Pódese dicir que estamos ante unha pandemia eólica?

Non sei se pandemia, pero é unha auténtica invasión e non sei se estarei xa sufrindo estrés eólico, porque a verdade é que hai cantidade de chamadas e peticións de colectivos e temos moito traballo telemático. Hai moita preocupación en todo o país ante un proceso que é moi pouco transparente, moi invasivo e moi abusivo e que conta con todos os beneplácitos da Administración.

Sorprende ver que os alcaldes, como representantes máis próximos ao territorio, non son capaces de dicirlle aos veciños cantos destes eólicos poden desenvolverse nos seus concellos...

Iso sucede porque debería haber unha lexislación máis garantista que salvagardase os dereitos fundamentais: a ter información, a participar de calquera proceso que lle afecte á xente... E iso non se está dando. Un dos responsabéis é a Xunta e os concellos tamén, ao non facer o esforzo de informar. O máis grave é que estamos en pandemia, con moitas restricións para facer actos, asembleas, reunións, mobilidade... Isto limita os dereitos, deixa á xente en situación de absoluta indefensión. O combate, ademais, é desigual. As empresas, moitas delas grandes multinacionais e, a carón, están os colectivos e os pequenos propietarios.

Hai tal especulación que os proxectos están baixando a zonas de menos altitude, urbanas, de campo ou de gandería

Cales son as normas que chocarían con estes dereitos fundamentais?

Eu para resumilo digo que é unha agresión ao país, porque é un espolio dos nosos recursos; unha agresión á democracia, porque vulnera procedementos e dereitos fundamentais; unha agresión ao territorio, ao violentar os valores ambientais, a biodiversidade e a cultura e unha agresión ás persoas que residen cerca destes plans. En canto á normativa, viola a directiva que regula o Dereito á Información Ambiental, a Directiva Hábitat da UE que protexe ás especies e a biodiversidade, que é que debería obrigar a protexer espazos de especial interese comunitario, como humidais e turbeiras. Despois está a Directiva Marco da Auga que está sendo tamén vulnerada, porque prevé que en proxectos industriais se fagan estudos conxuntos de carácter hidrolóxico e hidroxeolóxico. E outra vía é a fraude de lei da fragmentación dos proxectos para garantir que os tramite e aprobe a Xunta.

Isto podería estarse dando segundo di o Concello de Cerdedo-Cotobade na sú área. En que consiste?

Ao facer varios proxectos pequenos, ao ser menos de 50 megawatios, non os avalía o Ministerio, pero ademais diso, evitan que se analice de xeito sumativo, todos os efectos negativos que xeneraría o total dos proxectos. Analízanse por separado e iso impide coñecer o impacto de todas as infraestruturas. Nos parques non se implanta só unha cantdade de aeroxeneradores, senón tamén pistas, gabias, canalizacións soterradas, subestacións de transformación e liñas eléctricas. É un conxunto que ten un impacto moi grande. Isto xa debía implicar unha avaliación integral. Ademais, xa sería necesaria unha avaliación ambiental estratéxica de todo o plan sectorial, xa que se aprobou antes de que existira a nova normativa.

Entón o Plan Eólico está desactualizado respecto ao marco legal?

Nos últimos dez ou quince anos desenvolveuse unha maior sensibilidade ambiental, cunha normativa cada vez máis esixente, pero os parques estanse tramitando coa normativa ambiental do século XX, cando non había evidencias dos riscos que implican.

Na comarca hai estudos iniciais preocupantes en montes de Carballedo e outros na Fracha

Hai outros puntos na comarca de Pontevedra ameazados pola fragmentación ilícita dos parques?

O do Suído é un exemplo de libro. É claramente fragmentación cando hai dous ou máis parques promovidos pola mesma empresa e que comparten dotacións. Tamén cando son empresas distintas, pero detrás está a mesma entidade.

En canto a proxectos, en si, a cales debemos estar atentos?

Hai negociacións preocupantes na zona interior de Cotobade, desde Viascón, ata Carballedo, Rebordelo e Borela, e en Pontevedra, sabemos que se está investigando a idea dun parque na Fracha, desde Pontevedra, pasando por Ponte Caldelas e rematando en Soutomaior. Pero son proxectos en fase aínda moi precoz. En xeral vemos que hai distintos niveis: as zonas máis altas teñen máis productvidade pero hai tal especulación que os proxectos están baixando a zonas de menor altitude, urbanas, de campo ou de produción agrogandeira. Hai moitas empresas intermediarias que desenvolven proxectos en zonas non estudadas no Plan Eólico para poñelos en mans de grandes empresas. A última modificación que se fixo, por outra parte, da Lei de Simplificación Administrativa, permite facer un parque eólico en calquera espazo salvo en parques naturais ou en Rede Natura. Entón o 90% do territorio está ameazado por estes proxectos.

Como podería quedar a comarca de Pontevedra no desenvolvemento más ambicioso do Plan Eólico?

Se se levaran cabo as intencións destas empresas moitos destes concellos van quedar moi condicionados por estas dotacións. E as zonas con máis desenvolvemento eólico non están en auxe, senón en regresión. O dos megaparques é outro camiño máis cara a desertización, porque o monocultivo, sexa forestal ou industrial, leva a iso. Os eólicos compiten e anulan outros usos do medio.

Non é unha diversificación do monte?

Seríao se o modelo fora outro. Nós, defendemos un aproveitamento eólico con outras características, a outra escala. Un modelo no que o aproveitamento sexa complementario doutros usos do territorio e que xenere rendas complementario doutros usos do territorio e que xenere rendas complementarias. Pero non pode ser tan extensivo e invasivo que na práctica impida e dificulte outros desenvolvementos. Por exemplo, se unha zona, como Cerdedo-Cotobade, que ten proxectos na zona de Carballedo e Rebordelo. Se un espazo ten a posibilidade de ser atractivo como zona residencial, agora con este auxe do rural... Quen vai querer vivir nunha zona rodeada destas infraestruturas, e incluso afectada pola poligonal? Isto significa que nunha futura repotenciación eses muíños instalados poderán cambiar de ubicación. Tamén están afectados polas sombras, o ‘efecto discoteca’, que pode chegar ata a tres quilómetros... En fin, que sería interesante se fora máis dimensionado e tivera máis participación das comunidades. En Dinamarca hai unha lei que pide que ata o 20% das rendas quede no territorio.

En Campo Lameiro, despois de facer a reconstrución paleoambiental de varias hectáreas do Parque da Arte Rupestre, ou en CerdedoCotobade, onde se invisten os primeiros fondos do Pacto pola Paisaxe, ten sentido implantar hélices a máis de cen metros do chan?

O da paisaxe é unha burla absoluta. No Suído tamén pasa. Está catalogado como Zona de Especial Interese Paisaxístico. Entón, para que serven estas declaracións se queren instalar alí 200 muíños eólicos? É absurdo! Unha perversión absoluta da protección. Non sei están próximos a esas zonas, pero no proxecto de Campo das Rosas ademais de afectar á paisaxe está en pleno espazo da Rapa das Bestas. Co que iso significa a nivel cultural, social e ambiental. É contradictorio co que deben ser uns fluxos máis sostibles.

Que ten que saber unha comunidade de montes ou un particular ao que lle veña petar na porta unha empresa eólica?

O primeiro que ten que facer é sospeitar. Se lle ofrecen diñeiro, que non trague o anzol. Hai que ter moita cautela, agardar, non precipitarse, asesorarse ben, pedir toda a documentación e buscar amparo dos concellos para que se dea un proceso transparente. E despois, ter todos os datos. As empresas adoitan dicir o mínimo: "temos sete muíños, imos pagar 10.000 euros por cada un", por exemplo. Pero non contan todo: nin os impactos das pistas, das gabias e das infraestuturas, nin que a propia poligonal deixará afectadas centos de hectáreas. Non contan que iso é unha condena para sempre, porque unha vez que se fai o proxecto sectorial hai un cambio de calificación urbanística, pasa a ser chan rústico de especial protección de infraestruturas, é dicir, un polígono industrial. No futuro farase unha repotenciación. cando se esgote esa tecnoloxía, que ten 20 anos de vida útil e entón vanse instalar outras tecnoloxías, pero non no mesmo sitio, senón en calquera outra parte da mesma poligonal. Iso é unha hipoteca que deixan para futuras xeracións. O mellor é agardar un tempo a que aparezan mellores tecnoloxías e unhas leis máis garantistas.

Comentarios