Unha proba deportiva pechará as acción solidarias polo lume en Ponte Caldelas

Cada participante poderá inscribirse por cinco euros, pero a cita non ten carácter competitivo e os premios serán sorteados ►O Concello financia con 1.000 euros ao Sporting de fútbol sala

Participantes nunha carreira de orientación celebrada na comarca. DAVID FREIRE (ADP)
photo_camera Participantes nunha carreira de orientación celebrada na comarca. DAVID FREIRE (ADP)

O Concello de Ponte Caldelas e a empresa Galaicaventura organizarán unha carreira de orientación que se vai celebrar o primeiro domingo de febreiro. A actividade, anunciou o Concello, será solidaria, e servirá para pechar o programa de propostas organizadas a raíz dos incendios forestais do 15 de outubro. Será unha carreira de orientación non competitiva, dirixida especialmente á familia e ás persoas aficionadas a esta disciplina.

A inscrición, cun custo de 5 euros, poderá facerse no sitio web de Galaicaventura. A carreira está pensada para desenvolverse con equipos de catro persoas, sen límites de idade coa única condición de que en cada grupo haxa cando menos un adulto. A organización asignará a todos os participantes a un equipo, de modo que é posible apuntarse individualmente.

Todos os participantes estarán cubertos por un seguro e haberá persoal voluntario en lugares estratéxicos, así como nas estacións de actividades e balizas.

A inscrición está limitada a un máximo de 260 persoas, é dicir 65 equipos, para garantir un paso fluído polas estacións de actividades.

A saída será o día 4 ás 11 horas e a hora máxima de chegada será ás 16.00, polo que haberá un total de cinco horas para completar as probas nas estacións de actividade e o percorrido obrigado polas balizas de selado, sen que conte o tempo investido. As persoas participantes sairán cun plano no que figurarán as estacións, nas que completar as distintas probas. Ao remate haberá unha clasificación, pero os premios serán sorteados entre todos os inscritos.

El Concello financia con 1.000 euros ao Sporting de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas anunciou este domingo unha nova iniciativa de apoio ao deporte local. O alcalde, Andrés Díaz, asinou o convenio de axuda ao financiamento co club Sporting Ponte Caldelas de Fútbol Sala. Segundo este acordo, o Concello cooperará para financiar a actividade ordinaria deste club ao longo desta temporada.

O presidente do Sporting, Óscar Martínez, subliñou que a achega municipal –de 1.000 euros–, será unha importante axuda para o financiamento dos desprazamentos dentro da Liga galega na que participa o club caldelán.

O Goberno tripartito de Ponte Caldelas lembra que este acordo súmase aos xa asinados cos dous clubs de fútbol de veteranos que hai no municipio. Cada un dos mesmos conta cunha achega de 1.000 euros. Á súa vez, tamén está patente o esforzo do Concello por manter a escola de fútbol coa Sociedade Cultural Deportiva Ponte Caldelas, unha escola que, na práctica, ten rango comarcal pois tamén asisten rapaces da Lama e Fornelos de Montes.

Ademais, o Concello colabora sempre cos clubs deportivos e entidades culturais municipais facilitando regularmente o uso da furgoneta de nove prazas para a realización deste tipo de desprazamentos. O Goberno local, por último, insiste na súa intención de manter o apoio a todos os clubs deportivos do municipio como unha fórmula necesaria para incentivar a práctica deportiva entre a veciñanza.

 

Comentarios