O proceso para traspasar a Illa de Tambo podería durar uns cinco anos

O Concello mantén a primeira reunión con Costas do Estado e inicia a fase previa
undefined
photo_camera O Concello de Poio asumirá o mantemento dos areais da illa, como parte do municipio. RAFA FARIÑA (ARQUIVO)

O traspaso da titularidade da Illa de Tambo ao Concello de Poio vén de abrir a fase previa ás xestións. O alcalde, Luciano Sobral; o concelleiro de Promoción Económica e presidente da Comisión de Seguimento de Tambo, Gregorio Agís, e a edil de Participación Veciñal e Turismo, Silvia Díaz, mantiveron este mércores unha reunión telemática co xefe provincial de Costas do Estado, Enrique Fernández Menéndez, co obxectivo de comezar a delimitar as condicións do traspaso.

Unha vez aberta a fase previa, Agís estimou que o proceso podería durar arredor de cinco anos, xa que a súa complexidade require a intervención dos ministerios de Defensa, Medio Ambiente e Facenda. "Son administracións con maquinaria potente e isto vai requerir tempo", valorou. O edil comparou o proceso de Tambo coa desafectación da Seca, de características similares, e asegurou que a complexidade do proceso administrativo "ten unha relevancia moito maior, posto que hai uns aspectos que debemos protexer, aínda que barallamos a posibilidade de que entre neste periodo de tempo".

CATRO ELEMENTOS. Durante a xuntanza tratouse o futuro de catro cuestións principais, que estarán reflectidas nun informe a elaborar por parte de Costas. En primeiro lugar, Concello e Costas abordaron a situación do deslinde marítimo-terrestre, que pasaría a formar parte do territorio municipal. Neste sentido, Costas deu traslado de que o deslinde foi aprobado hai tempo por orde ministerial. En canto ás praias da illa, tamén pasarían a formar parte da rede de praias municipais, polo que o Concello encargaríase do seu mantemento e de garantir os servizos.

O Concello de Poio mantén o obxectivo de abrir Tambo ao publico

Por outra parte, un dos temas máis preocupantes é o da vixilancia. "A nós preocúpanos e a Costas tamén", sinalaron dende o Goberno local. Actualmente é Defensa quen se encarga deste labor, e así continuará ata que culmine o proceso do traspaso, polo que o Concello debería buscar entón unha alternativa para garantir a seguridade da illa.

Finalmente, barállase que o peirao de Tambo, que se atopa fóra do deslinde, pase a modalidade de concesión para a súa xestión, tal e como propuxeron dende Costas, de xeito que o Concello podería poñer as condicións oportunas.

PASOS A SEGUIR. Despois desta reunión, a Xefatura Territorial de Costas realizará un informe para remitir a Medio Ambiente, o que supón un paso previo. Unha vez que haxa acordo, emitirase un segundo informe ao ministerio, co seu conseguinte proceso administrativo.

Logo deste proceso, Defensa daría conta de que non precisa a illa, Medio Ambiente constataría que está de acordo con traspasala ao Concello, e Facenda tería que establecer o xeito en que o Estado trasfire ese ben ao Concello e en que condicións, un aspecto aínda por determinar.

ABRIR TAMBO AO PÚBLICO. O Concello de Poio mantén o obxectivo de abrir Tambo ao publico "con seguridade e garantindo que os valores da illa se manteñan", controlando o acceso. "A idea é poñela en valor dende a perspectiva turística e económica, xa que non deixa de ser un valor non só para o Concello, senon para a propia ría de Pontevedra", destacou Agís.

Luciano Sobral: "Transmitimos a nosa intención de conservar elementos coma o peirao"

Tras a reunión mantida con Costas, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, manifestou a súa intención de asumir as cuestións tratadas, como o mantemento das praias de Tambo, a conservación do espigón do peirao ou a vixilancia. 

"Son cuestións que temos que asumir porque sabemos que é lóxico que o espigón se manteña e as praias estén limpas e haxa vixilancia. Trasmitimos a nosa intención de conservar estes elementos e na próxima reunión seguiremos avanzando no futuro da cesión definitiva ao Concello". 

A pesar disto, aclarou que quedan por tratar máis aspectos "como a recuperación dos elementos patrimoniais, e seguiremos falando co Ministerio para conseguir que se poida rehabilitar o lazareto e a capela de San Miguel".

Gregorio Agís: "Quedan por tratar os aspectos medioambientais. A idea é substituir o eucalipto"

O edil de Promoción Económica e presidente da Comisión de Seguemento da Illa de Tambo, Gregorio Agís, asegurou que "para nós é plenamente satisfactorio comezar este proceso. Xa houbo moitas conversas a nivel político e estamos satisfeitos e alineados nese propósito que é transferir a titularidade ao Concello de Poio. Quedan moitos aspectos que tratar como a protección medioambiental, a protección patrimonial e de todas as infraestructuras que hai alí", salientou Agís en vistas á próxima reunión con Costas, á que os representantes do Concello quedaron emprazados.

O edil tamén explicou que, nun futuro, contémplase "substituir o eucalipto que hai na illa por outras especies autóctonas".

Comentarios