Na procura da "historia viva"

A Escola de Acordeóns de Campelo botou a andar en 1980, é a entidade máis antiga de Poio, e a única escola adicada a este instrumento "que existía en Galicia" na altura. Agora, dende a dirección buscan documentos gráficos para que o seu legado "non se perda no tempo"
A Escola de Acordeóns de Campelo ten a súa sede no piso superior da actual Casa da Culturas. RAFA FARIÑA (ADP)
photo_camera A Escola de Acordeóns de Campelo ten a súa sede no piso superior da actual Casa da Culturas. RAFA FARIÑA (ADP)

Subir os chanzos que conducen ao piso superior da que hoxe é a Casa da Cultura de Campelo é todo un exercicio retrospectivo. As paredes, o mobiliario, e mesmo a nova planta que foi levantada nos anos 90 zumegan cultura e tradición, desa que non se pode deixar de evocar, aínda que sexa de xeito imaxinario, ao escoitar a historia da Escola de Acordeóns de Campelo da voz do que é o seu director dende 1997, Juan José Mariño.

Botou a andar en 1980 por iniciativa do alcalde da época, Emilio Rey Fonseca, como unha escola de música ao uso, toda unha novidade no municipio. "Ensaiaban para unha coral, e propuxeron que se fixera na antiga escola unitaria de Campelo", asegura o director. A recén inaugurada escola atraeu a atención da meirande parte de mozos e mozas da contorna, que acudían a aprender diferentes tipos de instrumentos. "Aínda non se definira, e había de todo", di Mariño. Ata que un día, "unha rapaza chegou cun acordeón que lle regalara un familiar. A escola non tiña mestre de acordeón, e trouxeron a Pepe Poceiro". O resto veu só. O interese polo acordeón foi medrando ata acadar a exemonía no seo dunha escola que alentaría no sucesivo a varias xeracións, baixo as directrices dos mestres Paredes e Poceiro. "Entre o ano 82 e o 95 todos os rapaces da zona pasaron por aquí", afirma o actual director, quen conta tamén cunha historia persoal marcada polo boom da Escola de Acordeóns, a súa veciña máis cercana. "A miña casa é a do lado da escola. Medrei escoitando a súa música e encandiloume. De moi cativo xa comecei a ir, e fixen disto a miña profesión", di.

O edificio da antiga escola unitaria de Campelo, un pequeno inmoble que nos anos 70 quedara en desuso, é o escenario que durante as décadas seguintes viu medrar e desenvolverse á que é a entidade "máis antiga de Poio" no eido das agrupacións, e que comezou a súa andadura nos tempos en que "a coral de Poio aínda se comezaba a fraguar". E, segundo as pesquisas por parte da dirección da Escola, trátase, ademais, "da única escola de acordeóns que existía en Galicia nese momento", sen que se atopara "datación doutra desa época". Arredor de 1992 comezou a obra para reformar o inmoble, e adaptalo ás necesidades culturais que se expandiron no municipio nesa década, ata que en 1995 inaugurouse por fin a pranta superior que hoxe acolle tamén a Biblioteca de Campelo. O edificio, transformado en Casa da Cultura, garda actualmente entre as súas paredes a lembranza dunha "historia viva" que continúa, sen flaquezas, conforme pasan as décadas.

No ano 2020, en plena pandemia, a Escola de Acordeóns cumpriu catro décadas e, na actualidade, suma 42 anos en activo, de xeito ininterrompido, unha circunstancia que se viu reforzada polo arraigo familiar. "Aquí temos xeracións de nais, pais, fillos e fillas e avós e avoas", salienta o director. "Moitos dos nosos alumnos son persoas maiores que pertencen a esa xeración que, cando era cativa, acudiu ás clases e conserva esa tradición, que tamén lles foron inculcando aos fillos", explica Mariño. Precisamente, desta continuidade depende o futuro.

DOCUMENTACIÓN. Agora, co obxectivo de recuperar toda esa historia, e que "perdure no tempo", dende a dirección da Escola de Acordeóns veñen de facer un chamamento popular na procura de documentos gráficos, xa sexan fotografías, recortes de prensa ou calquera outro tipo de documentación para poñer en valor as décadas de traxectoria dun colectivo que xa se converteu en institución.

Actualmente, a Escola de Acordeóns de Campelo conta con arredor de 24 alumnos e alumnas de todas as idades, e incluso chegados de varias provincias galegas. Coa recopilación deste material histórico, a dirección busca poñer en valor a traxectoria da entidade "tamén de cara ás novas xeracións", co obxectivo de atraer o interese dos mozos e mozas. Neste sentido, a escola puxo en funcionamento hai un par de anos un grupo xuvenil, a maiores da banda da escola propiamente dita, para fomentar a práctica do acordeón entre xóvenes e cativos e levar a cabo actuacións pola provincia.

Co material que se recopile, Mariño pretende elaborar un extenso dosier e prantexa "un día de portas abertas para que a xente que pasou pola escola" saiba de onde vén. Neste sentido, gran parte dos esforzos céntranse en conseguir material que teña que ver coa primeira etapa da escola no edificio orixinal da unitaria, da que "non puiden localizar fotografías", para revivir unha traxectoria sobre a que aínda quedan moitas liñas por escribir.

Comentarios