Unha profesora da UVigo recibe o Premio Nacional de Investigación para Xóvenes

Belén Riveiro, de Cerdedo-Cotobade, é mestra da Escola de Enxeñería Industrial, está acreditada a catedrática e traballa no Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx
Belén Riveiro. DP
photo_camera Belén Riveiro. DP

A profesora e investigadora da Universidade de Vigo Belén Riveiro (Cerdedo-Cotobade, 1983) é unha das gañadoras da primeira edición dos Premios Nacionales de Investigación para Jóvenes, galardóns convocados polo Ministerio de Ciencia e Innovación para distinguir o mérito de investigadoras e investigadores menores de 40 anos que estean desenvolvendo un labor relevante recoñecido internacionalmente. Gañou na categoría correspondente á área de enxeñaría e arquitectura, modalidade bautizada como Premio Nacional Matilde Ucelay, en memoria de quen foi a primeira española en ingresar e titularse nunha escola de arquitectura e, anos máis tarde, Premio Nacional de Arquitectura.

Investigadora do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx, o Centro de investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, e profesora da Escola de Enxeñería Industrial, acreditada a catedrática desde 2021, os principais logros da carreira investigadora de Riveiro están relacionados coa mellora da resiliencia das infraestruturas do transporte a eventos extremos, onde liderou diferentes proxectos competitivos, tanto de ámbito internacional como nacional, cun financiamento captado que supera os 5 millóns de euros. Segundo o fallo do xurado dos premios, dotados con 30.000 euros en cada modalidade, foi recoñecida "pola orixinalidade e impacto das súas investigacións, que radican na combinación de diferentes disciplinas para dar solución a retos actuais da enxeñaría estrutural".

Riveiro coñeceu a nova de que era unha das gañadoras esta mesma semana a través dunha chamada telefónica da ministra, Diana Morant, quen lle transmitiu as súas felicitacións "dun xeito moi próximo", antes de que o ministerio fixese público este xoves a listaxe de gañadores e gañadoras. "No momento sentín unha alegría inmensa ao coñecer a noticia e compartila coa familia e amigos. Penso que o premio recoñece a dedicación á carreira investigadora, recoñecemento que, por suposto, se estende ao labor dos meus compañeiros do grupo de investigación de Xeotecnoloxías Aplicadas", explica Riveiro. "Ao mesmo tempo, sinto que un recoñecemento desta magnitude compensa en certa medida os esforzos persoais realizados para percorrer un camiño que non sempre é fácil", apunta a investigadora premiada, quen admite que este galardón reforza a súa convicción de que "dende a Universidade de Vigo e dende Galicia pódese desenvolver investigación de excelencia a nivel internacional, pero hai que apostar pola investigación, con perseveranza e sen complexos". Neste sentido apunta que tras a chamada da ministra tivo tamén a oportunidade de agradecerlle a Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, por presentar a súa candidatura a esta distinción.

Máis aló da materialización formal e da dotación económica asociada, Riveiro subliña que o galardón leva implícito o recoñecemento da comunidade científica a nivel nacional.

Tal e como ela mesma recoñece na publicación Quero ser investigadora 2, non recorda o intre no que decidiu dedicarse a investigar, pero si que sempre foi "unha rapaza con moita curiosidade por entender o porqué das cousas". Cos anos acabou centrando na investigación a súa actividade profesional, "foi ao descubrir que neste traballo non só dedicas tempo a executar tarefas que logo che permiten obter unha remuneración económica, senón que tes a certeza de que cada proxecto no que te implicas vai representar un avance para o coñecemento e, ademais, vai contribuír a resolver os problemas reais aos que se enfronta a nosa sociedade".

A día de hoxe síntese afortunada de colaborar e poder traballar man a man con persoas ilusionadas en facer avanzar o eido da enxeñaría a través da investigación aplicada, "delas e deles aprendín a identificar cales son os retos importantes nese camiño".

Doutora pola Universidade de Vigo (2011), Riveiro incorporouse como docente a esta institución no ano 2012 despois de exercer como profesora (Lecturer) da Escola de Enxeñaría Civil da Newcastle University, no Reino Unido. En todos estes anos acadou importantes avances investigadores en todo o que se refire á mellora da resiliencia das infraestruturas do transporte a eventos extremos. Dentro deste ámbito traballou principalmente na aplicación das xeotecnoloxías á monitorización e inspección da condición estrutural das infraestruturas, así como no desenvolvemento de novos métodos de avaliación estrutural mediante o uso de intelixencia artificial. En este sentido, foi recentemente galardoada cunha das prestixiosas Becas Leonardo 2021 pola Fundación BBVA para desenvolver unha liña de investigación punteira no uso da intelixencia artificial para diagnóstico estrutural e anticipación de colapso de pontes en servizo.

Esta non é a primeira vez que recibe un premio nacional, xa en 2017 a Real Academia de Ingeniería outorgoulle a Medalla Juan López Peñalver. "No grupo de investigación de Xeotecnoloxías Aplicadas contamos cunha quincena de proxectos vivos financiados en convocatorias competitivas internacionais e nacionais", explica a investigadora, quen recalca que, en xeral, o enfoque dos proxectos deste grupo é o de unha investigación aplicada á resolución de problemas e desafíos da sociedade, onde o denominador común é o uso das xeotecnoloxías en combinación con técnicas de tratamento avanzado de datos, como é o caso de diferentes técnicas da Intelixencia Artificial.

Comentarios