O programa Mírate prepara a 48 mulleres da cárcere de A Lama para a vida en liberdade

María Jesús Lorenzana, visitou este venres ás reclusas que participaron no proxecto da Asociación Érguete, unha iniciativa que financia a Administración autonómica desde 2009
María Jesús Lorenzana, en A Lama. EP
photo_camera María Jesús Lorenzana, en A Lama. EP

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou este venres ás mulleres da cárcere da Lama que participaron no programa Mírate, que desenvolve a asociación Érguete, co financiamento económico da Xunta, para apoiar a reinserción social e laboral das reclusas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade.

Este ano, un total de 48 mulleres tomaron parte desta iniciativa a través da que se fixeron tres talleres formativos de aprendizaxe e preparación para a vida en liberdade. As tres accións centráronse na autoestima, autocoñecemento e motivación para o cambio; a xestión emocional; e sobre sexualidade. 

Lorenzana avogou por unha política global de xénero no ámbito penal para dar resposta á necesidade de apoio que teñen as mulleres que están ou estiveron nunha institución penitenciaria (ou cumpriron algún tipo de medida alternativa) para a súa reinserción social e laboral. “É preciso dar cobertura a estas mulleres para que poidan afrontar unha saída sen ningún tipo de discriminación”, apuntou a conselleira. 

O obxectivo de Mírate, que a Xunta apoia desde o ano 2009, é facilitar un itinerario integral de acompañamento das mulleres en situación de vulnerabilidade para que poidan superar os obstáculos que dificultan a súa integración. A idade media das mulleres que participaron nesta edición do programa foi de 42 anos. Das 48 mulleres atendidas, 34 tiñan historial de consumo de drogas, 4 conseguiron a liberdade e outras 4 tiveron progresións de grao, 20 participaron nos talleres formativos, 7 conseguiron un traballo e 3 finalizaron a ESO.

O equipo de intervención estivo formado por unha educadora, unha psicóloga, unha traballadora social e un avogado para resolver cuestións xurídicas. En 2020, grazas a esta iniciativa, un 12% de mulleres máis que en 2019 melloraron a súa situación.

“Trátase dun labor para que as mulleres gañen confianza, recursos e habilidades para que poidan afrontar situacións de desigualdade”, apuntou. Nos últimos seis anos, preto de 270 mulleres participaron na actividade que tamén se desenvolveu, ademais da Lama, en Vigo, Ourense e Teixeiro.

Comentarios