Prohibición 'in extremis' da caravana en favor do Centro de Saúde de Arcade

O BNG denuncia que a Subdelegación notificou a súa decisión apenas uns intres antes do inicio da marcha
O nacionalista Manu Lourenzo dirixíndose aos asistentes na mobilización de onte. GONZALO GARCÍA
photo_camera O nacionalista Manu Lourenzo dirixíndose aos asistentes na mobilización de onte. GONZALO GARCÍA

A segunda mobilización convocada en menos dunha semana polo Bloque Nacionalista Galego de Soutomaior (BNG) para protestar pola situación do Centro de Saúde non estivo exenta de polémica. O grupo da oposición anunciara hai uns días a celebración dunha "caravana pola Sanidade", que partiría desde as inmediacións do campo de fútbol do Salgueirón, en Arcade. Nembargantes, apenas media hora antes do seu inicio, que estaba fixado para as 12.00 horas, a Guardia Civil notificou aos axistentes que a marcha non contaba co visto bo da Subdelegación de Goberno en Pontevedra. O voceiro do grupo da posición, Manu Lourenzo, tildou de "esperpéntica" esta situación e asegurou que os organizadores cumpriron "con todos os trámites legais establecidos", polo que non dubidou en criticar duramente o feito de que se prohibise unha manifestación "democrática e pacífica".

Aínda así, os asistentes (unhas 150 persoas repartidas en diferentes automóbiles) percorreron as rúas do centro de Arcade para esixir unha sanidade digna para a vila. Lourenzo agradeceu a implicación veciñal, a pesar da prohibición in extremis, e foi moi claro ao asegurar que "chegaremos con este tema ata onde sexa necesario. Que ninguén dubide de que, lonxe de amedrentarnos, con estas mordazas o único que conseguen é darnos máis forza para pelexar, para que os nosos fillos e os nosos maiores nunca máis se queden sen atención sanitarias", finalizou o concelleiro nacionalista.

Comentarios