Promoción Económica de Poio abordará coa veciñanza a rehabilitación do Xuviño

Os residentes poderán realizar suxestións sobre a actuación, financiada con 250.000 euros do IDAE
Estado actual do núcleo de O Xuviño, en Combarro. CEDIDA
photo_camera Estado actual do núcleo de O Xuviño, en Combarro. CEDIDA

A rehabilitación do núcleo de O Xuviño, en Combarro, dá un paso máis. O Concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, vén de anunciar unha vindeira reunión coa veciñanza, prevista para as próximas semanas, co obxectivo de dar a coñecer os detalles do proxecto, e que os veciños e veciñas da zona poidan realizar as súas en diferentes ámbitos do proxecto.

A actuación conta cunha subvención de máis de 250.000 euros, obtida a través deste departamento municipal grazas ás xestións realizadas ante o Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE).

Os fondos pertencen ao Programa Operativo Feder de crecemento sostible 2014-2020, pensado para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono.

"Estamos pendentes da evolución sanitaria para poder celebrar este encontro que, en todo caso, realizarase cumprindo con todas as medidas sanitarias e de aforo que correspondan", asegurou Agís.

Segundo o edil, esta reunión non só ten como obxectivo dar a coñecer á veciñanza cuestións vencelladas á obra, senón que tamén se leva a cabo para "tomar nota" das suxestións e propostas que poidan realizar as persoas residentes no Xuviño.

"Esta é unha filosofía que queremos seguir con todos os proxectos de mellora e rehabilitación que estamos a impulsar", indicou. De feito, Agís adiantou que a súa intención é repetir fórmula noutros lugares como, por exemplo, Raxó, onde tamén a través de fondos europeos se impulsará unha ambiciosa reforma da rúa Ramón Encinas, nas inmediacións do peirao.

Agís adiantou que a intención do Goberno local é repetir a fórmula de actuación e financiamento doutros lugares

Tal e como lembrou o edil, a redacción do proxecto para a actuación no Xuviño foi adxudicada a finais do pasado mes de outubro á empresa especializada Deseños Estruturas e Viais, entidade que resultou gañadora do concurso de licitación, ao que se presentaron un total de nove aspirantes. O orzamento para a devandita redacción ascende a 16.000 euros, IVE engadido.

"Agora é o momento axeitado non só para informar sobre os beneficios da actuación, senón tamén para ofrecer á veciñanza a posibilidade de realizar algunha achega que non se contemple no documento e que sexa viable darlle cabida", explicou Agís.

A obra proxectada no núcleo do Xuviño será fiel á filosofía que o Concello de Poio contempla no Plan de Mobilidade Sostible, aprobado polo Goberno local en 2019. Este Plan, tal e como lembraron dende o Consistorio, aposta por dotar a este tipo de núcleos duns espazos nos que cobren un maior protagonismo os peóns, en detrimento do tránsito rodado.

Deste xeito, por unha banda, o Concello busca aumentar a seguridade viaria e, a maiores, reducir de xeito "drástico" a pegada do monóxido de carbono no entorno. Ademais, o proxecto respectará o contexto arquitectónico deste emprazamento.

A memoria elaborada polo departamento de Urbanismo xa contemplaba a habilitación dunha plataforma única adoquinada, que se extendería ao longo de 700 metros de superficie, a dotación dunha rede de pluviais e a limitación do acceso de vehículos.

Comentarios