Protección Civil Oitavén-Tea dará servizo a seis concellos

Soutomaior acolleu a sinatura do convenio con todos os alcaldes
O acto de sinatura do convenio, cos alcaldes dos seis concellos. D.P.
photo_camera O acto de sinatura do convenio, cos alcaldes dos seis concellos. D.P.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo; o de Mondariz, Xoán Carlos Montes; o de Mondariz Balneario, César Gil; o da Lama, David Carrera; o rexedor de Covelo, Juan Pablo Castillo; o de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, e a presidenta da Agrupación de Protección Civil Oitavén-Tea, Mónica Oliveira, déronse cita o pasado xoves no castelo de Soutomaior para a sinatura do novo convenio que unifica os servizos de Protección Civil destes seis concellos.

Con este convenio os municipios asinantes pasan a contar con novo equipamento e maximizar o rendemento de Protección Civil buscando o menor custe e a máxima eficacia do servizo. Do mesmo xeito, a nova agrupación ten opción a mellores subvencións, o que a súa vez repercutirá na obtención de máis e mellor material para executar as súas funcións.

Ademais, de acordo co negociado coa Dirección Xeral de Emerxencias, esta nova agrupación conta con profesionais con ampla formación no sector das emerxencias contratado a tempo completo.

Con esta unión os seis concellos que conforman esta agrupación pasarán a ter un operativo de Protección Civil con máis de 30 voluntarios, unha cifra que se incrementará nos vindeiros meses coa incorporación de novos voluntarios que na actualidade están realizando cursos formativos.

Ademais, Protección Civil Oitavén-Tea contará con dous todoterreos, unha furgoneta, un turismo, dous remolques de emerxencia, dúas carpas, unha moto e equipamento para operativos especiais e atención sanitaria.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, quixo agradecer "a boa disposición de todos os alcaldes dos diferentes partidos políticos que conforman estes concellos: PSOE, PP, BNG e Independentes, partidos, todos eles, que traballaron por un gran acordo que vai a mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza de todos os municipios, no caso de Soutomaior teremos, ademais, un importante mellora de recursos a aforraremos máis de 12 mil euros en relación ao que se viña gastando en anos ateriores".

O rexedor defendeu que esta agrupación "é un exemplo de unión de esforzos e de antepoñer os intereses da veciñanza por enriba das lexítimas diferenzas políticas que permitirá que calquera veciña ou veciño destes concellos poda chamar ao 112 para recibir a atención de Protección Civil".

No acto, celebrado nos xardíns do castelo, estiveron tamén presentes Cesáreo Portas, presidente da Agrupación de Protección Civil de Cangas; Juan Benito Insua, xefe da área técnica de Emerxencias da Xunta de Galicia e Joaquín Queizán, xefe de sala do CECOP (Centro de Coordinación Operativa de Emerxencias).

Comentarios