O proxecto da Seara amplíase ata o enlace con Campelo e varios ramais

Destinaranse máis de 300.000 euros para completar unha actuación que Nexia deixou incompleta ►O Goberno local criticou ao PP por "presentar mocións sobre actuacións en marcha"
O núcleo da Seara, en Poio. ADP
photo_camera O núcleo da Seara, en Poio. ADP

A concelleira de Obras e Servizos Municipais e tenente de alcalde, Chelo Besada, vén de anunciar a incorporación de melloras adicionais ao proxecto de rehabilitación a desenvolver no núcleo da Seara. Trátase dunha actuación que no seu día fora adxudicada á empresa Nexia Infraestruturas e, "debido ao seue cese de actividade o ano pasado, non se chegou a concluír". A edil do PSdeG-PSOE explica que, ademais de completar o tramo que aínda resta por mellorar, os traballos chegarán ata a conexión coa estrada de Campelo. Asemade, as reformas tamén se estenderán para reformar varios ramais que conectan con este núcleo.

En principio, o orzamento destinado para completar este proxecto ascenderá a uns 324.000 euros aproximadamente. O proxecto inclúe a dotación de diferentes servizos, que xa se habilitaron no tramo que Nexia completou antes de que entrase en concurso de acredores. Agora, a Administración municipal debe volver a sacar a licitación a parte que queda pendente por acometer, para a súa adxudicación. Este proceso xa tivo que realizarse para poder retomar a construción do novo vial da Caeira, cuxos traballos xa están en marcha, e tamén para mellorar a rúa Lameiriña, en Raxó, outra das actuacións que Nexia non levou a cabo.

LAMEIRIÑA. Precisamente, no último Pleno ordinario saíu a debate a situación desta rúa, a raíz dunha moción presentada polo Partido Popular para esixir a súa mellora. Se ben a proposta foi aprobada por todos os grupos da Corporación, o Goberno local lamentou "a forma de actuar da oposición, que se adica de xeito sistemático a presentar mocións sobre obras que, ou están en marcha, ou en proceso de licitación", valoraron. No caso da rúa Lameiriña, os dirixentes municipais aseguraron que "xa existe un proxecto, pendente de adxudicar", logo do cese de Nexia Infraestruturas. Foi esta firma quen gañou o concurso de licitación no ano 2019, sen que nunca chegase a iniciar as obras. Agora, a Concellería de Obras contempla unha actuación máis ambiciosa, con dotación de empredrado e unha ampliación dos traballos ata o núcleo de Caneliñas, cun orzamento de máis de 200.000 euros, IVE engadido.

"Cando o Partido Popular afirma que non se teñen en conta as peticións dos veciños, omiten de xeito deliberado no seu discurso o sucedido con Nexia, pero todo lle vale para tratar de crispar á cidadanía. Saben perfectamente que o sucedido con esta empresa foi por causas alleas ao Concello. Se tiñamos un proxecto xa redactado e adxudicado en 2019 foi, precisamente, porque se atenderon as peticións dos veciños e veciñas", manifestou o Goberno local, que se mostrou irónico á hora de animar ao PP a presentar "outra moción" sobre A Seara ou sobre o novo vial da Caeira. "Se se dan présa, poden facelo antes de que avancen as obras", criticaron os dirixentes.

O Partido Popular de Poio reuniuse con parte da veciñanza da rúa Lameiriña a mediados de xaneiro para dar conta do estado da rúa, que trasladaron ao Pleno do martes. A rúa presenta varios desperfectos como a existencia de fondos baches que perxudican ás vivendas veciñais, unha actuación para a que, segundo o Goberno local, "existe un proxecto".

Comentarios