A recuperación de Lameiriña e Caneliñas sairá a licitación por 400.000 euros

Supón unha mellora con respecto ao proxecto inicial, e agárdase que estea lista antes de rematar o ano
Imaxe de archivo da rúa Lameiriña. DP
photo_camera Actual estado da rúa Lameiriña. DP

A reforma da contorna das rúas Lameiriña e Caneliñas, en Raxó, xa está próxima a ter unha data de arranque. Tras a última Comisión de Urbanismo, a concellería de Obras e Servizos anunciou este xoves que o proxecto, tan agardado pola veciñanza da zona, sairá a licitación cun orzamento que rolda os 400.000 euros.

A recuperación de Lameiriña era un proxecto dos que o Concello adxudicara a Nexia Infraestructuras, e que non chegou a comezar, debido ao cese da entidade. Agora, tal e como adiantara a Concellería hai poucos meses, levarase a cabo baixo uns novos parámetros que suporán abarcar a mellora dunha superficie maior, nunha actuación que se estenderá ao longo de máis de 600 metros e afectará a rúa Lameiriña, Praza Lameiriña, rúa Caneliñas e a un ramal que enlaza a contorna coa Avenida da Toxa, na PO-308.

As obras consistirán na humanización desta zona, que pasará a contar cunha nova superficie de empedrado. O proxecto contempla tamén melloras no abastecemento e a instalación de dez bocas de rego. En principio, calcúlase que o prazo de execución será de sete meses. A concelleira responsable de Obras e Servizos, Chelo Besada, confía en que o proceso de licitación finalice «o antes posible, o que permitiría que a obra estivese lista antes de que remate o presente ano». A actuación, para a que se abre agora un novo proceso de licitación, será financiada desta volta a través do Plan Concellos 2021, impulsado pola Deputación de Pontevedra.

EMPEDRADO. O fundamental problema que ten a rúa Lameiriña, e que foi denunciado recentemente polos veciños do lugar de xeito público, é a existencia de profundos baches ao longo e ancho da pequena rúa e que, a pesar dos continuos parches que se lle aplican, resultan imposibles de susbsanar cunha pequena obra. Por isto, no caso desta rúa, o Concello entende que a solución definitiva pasa pola dotación dunha superficie de empedrado para solucionar os problemas provocados polo deterioro do pavimento.

O proxecto garante que a actuación será "totalmente respectuosa na contorna", que se atopa nun núcleo onde existen varias vivendas e muros de mampostería de pedra. Ademais, Chelo Besada non dubidou en asegurar que "os traballos tamén servirán para mellorar a accesibilidade e reforzar a seguridade viaria, cunha plataforma única". Besada afirmou que esta actuación "dá resposta ás demandas veciñais", e asegurou que o Goberno local "tívoas en conta" á hora de impulsar tanto o proxecto inicial, como esta ambiciosa modificación.

Haberá melloras no abastecemento, dez novas bocas de rego e subsanarase o problema dos baches con empedrado

DESPERFECTOS. Cabe recordar que a veciñanza de Lameiriña vén denunciando serias dificultades nos últimos tempos a causa do estado da rúa, na que xa se teñen producido roturas de cristais dalgunhas ventás debido ás pedras que saltan ao paso dos coches polos socavóns. Na vía, pola que circulan entre 40 e 50 coches ao día en tempada baixa e que conta con entre 80 e 90 vivendas, outras casas presentan humidades polas salpicaduras dos coches, e teñen sufrido inundacións polo estado da rúa.

Comentarios