O proxecto para reformar a antiga escola unitaria de Arén recibirá 160.000 euros

Atópase entre os 60 mellor valorados a nivel estatal dentro da convocatoria para a obtención de fondos Next Generation
Gregorio Agís. G. GARCÍA
photo_camera Gregorio Agís. G. GARCÍA

O proxecto deseñado pola Concellería de Urbanismo e Promoción Económica, dirixida por Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), para a recuperación e rehabilitación integral da antiga escola unitaria de Arén, na parroquia de Samieira, vén de consolidarse como un dos proxectos de maior calidade a nivel nacional dentro da convocatoria aberta para a obtención de fondos Next Generation, a través do Programa para a Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), impulsado polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana.

O ente dependente do Goberno central publicou hai uns días o listado das máis de 400 propostas presentadas polos concellos de toda España que recibirán estes fondos, entre os que se atopa o de Poio. O proxecto de Urbanismo e Promoción Económica está entre os 60 con mellor puntuación a nivel nacional, sendo o quinto de toda Galicia mellor valorado. "Hai que ter en conta que estes 400 proxectos son os que foron aprobados, pero as solicitudes foron moitas máis", puntualiza Agís Gómez.

Isto permite ao Concello dispor de preto de 160.000 euros (concretamente, 158.480) para acometer esta reforma, que servirá para facer realidade unha transformación por completo este inmoble, construído hai preto de 70 anos e que, logo dunha ampla traxectoria como centro educativo, tamén foi utilizado como local social para colectivos de Samieira.

A ampliación do edificio, a mellora da accesibilidade e a dotación dunha nova envolvente térmica, así como a renovación de iluminación e servizos, son algunhas das cuestións nas que se centrarán as obras. Agís lembra que os fondos que proveñen do Programa PIREP están destinados a concellos de menos de 20.000 habitantes, para a realización de proxectos que busquen a mellora sostible de equipamentos de uso público e que supoña un aforro no consumo enerxético de, como mínimo, o 30%, ao tempo que se redunda na consolidación da mobilidade e da accesibilidade.

O investimento total que o Concello prevé realizar na unitaria ascende a uns 278.000 euros aproximadamente. Unha vez confirmada a dotación de fondos europeos, o titular de Urbanismo sinala que "agora continuaremos traballando na tramitación do proxecto, que xa conta con todos os permisos sectorais e que aspiramos a que sexa unha realidade na metade do ano 2024".

Gregorio Agís explica que a actuación proposta desde a Concellería de Urbanismo "é un motivo de gran orgullo".

Ampliación e mellora de servizos básicos
A Xunta de Goberno Local aprobou na súa última sesión o inicio do expediente da ampliación e mellora de servizos básicos na zona. Con isto preténdese impulsar a accesibilidade e obter unha mellora na mobilidade sostible.

Estes traballos financiaranse a través de fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2022, as cales, teñen unha contía que supera os 350.000 euros. Esta actuación tamén está impulsada pola Concellería de Urbanismo e Promoción Económica.

Comentarios