O proxecto de renovación do bordo portuario de Raxó comeza a perfilarse

A Xunta e o Concello de Poio sentaron as bases dun acordo para repartirse o investimento
Luciano Sobral, Silvia Díaz e Gregorio Agrís reuníronse onte con Susana Lenguas e Luis López. ANXO LORENZO
photo_camera Luciano Sobral, Silvia Díaz e Gregorio Agrís reuníronse onte con Susana Lenguas e Luis López. ANXO LORENZO

O proxecto de mellora do bordo portuario de Raxó comeza a cobrar forma. Portos de Galicia e o Concello de Poio acaban de sentar as bases dun acordo para o reparto do investimento e das obrigas a asumir tanto para a realización das obras -cun investimento de máis de 800.000 euros- como para o mantemento dos espazos afectados e a ordenación do tráfico.

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, mantiveron onte un encontro co alcalde de Poio, Luciano Sobral; coa tenente de alcalde e responsable de Participación Veciñal, Silvia Díaz (Avante Poio), e co concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís (PSOE), no que acordaron que estas obrigas, que quedarán reflectidas nun convenio de colaboración, supoñen que a Administración galega asumirá o 70% do custo dos traballos e o Goberno local o 30% restante. As actuacións suporán a remodelación do bordo portuario e a renovación integral das instalacións de redes de servizos municipais cumprindo coas peticións que se viñan demandando desde o Goberno local. Desta maneira, a mellora integral terá o mesmo tratamento desde as proximidades do peirao ata a PO-308 e se fará un uso de elementos e acabados que dignifiquen e poñan en valor toda a contorna, con acabados en pedra e rasgos estéticos que garantan a humanización de todo o espazo.

Os acordos acadados permitirán avanzar nas xestións necesarias para a tramitación e sinatura do convenio, así como para poñer en marcha a licitación das obras, que suporán unha importante mellora para o conxunto da cidadanía respectando a actividade portuaria.

As partes tamén avaliaron a solicitude de concesión do Concello para habilitar un aparcadoiro na zona do paseo das Redeiras, sobre a que os representantes da Xunta reiteraron que non é viable tal e como está realizada pois pretende destinar as prazas a residentes cando non se poden reservar eses espazos para usos alleos ao portuario. Portos trasladou a posibilidade de estudar alternativas posibles como o establecemento dun convenio entre o ente público e o Concello que permita habilitar unha zona de aparcamento libre.

O Concello mostra a súa satisfacción co acordado

O Goberno de Poio realizou unha valoración positiva da reunión para abordar a reforma do espazo portuario de Raxó, unha demanda histórica comprometida desde hai máis dunha década, tal e como recorda o Concello.

Para levar a cabo estas actuacións, o Goberno municipal reafirmou o seu compromiso á hora de asumir unha porcentaxe "razoable" do orzamento, malia que se execute nun espazo de titularidade da Xunta de Galicia.

"Este é un paso importante para dar resposta a unha demanda moi necesaria", sostivo o Concello, que lembrou que "hai que continuar avanzando para dar resposta a actuacións igualmente demandadas e comprometidas", como é o caso da mellora pendente no porto de Covelo (Samieira).

Pola súa banda, o grupo municipal do PSOE amosou a súa satisfacción polo acordado e reprochou a Ángel Moldes que hai uns meses defendera unha "actuación parcial" no porto.

Comentarios