A psicóloga Andrea Sieiro imparte un obradoiro de educación afectiva e sexual en Poio

A actividade ía dirixida aos estudantes do IES e nela participaron 90 alumnas e alumnos
Taller Afectivo Sexual IES
photo_camera Obradoiro afectivo sexual impartido no IES. DP

Preto de 90 alumnos e alumnas do IES de Poio participaron no obradoiro afectivo-sexual impartido pola psicóloga especializada Andrea Sieiro. As sesións, de 50 minutos de duración, leváronse a cabo en catro grupos diferentes.

Esta iniciativa está organizada pola Concellería de Educación e ten coma obxectivo ofrecer á mocidade do instituto contidos específicos para achegar ferramentas que lles facilite a identificación e eliminación de situacións de riscos ou abusos sexuais, ao mesmo tempo que se afonda en cuestións como as enfermidades de transmisión sexual ou prevención de embarazos.

Paralelamente a este obradoiro, Andrea Sieiro tamén está a traballar nestas semanas nunha iniciativa dirixida aos colexios de Poio, ademais de ao propio IES, que consiste nun ciclo sobre intelixencia emocional.

Logo da súa estrea a pasada semana no colexio de Viñas, en San Salvador, e no de Chancelas, en Combarro, este martes será a quenda dos alumnos e alumnas do CEIP Isidora Riestra, na parroquia de San Xoán. O calendario complétase en xuño coas sesións no CEIP Espedregada de Raxó, o día 6, e no de Lourido, San Salvador, o día 7.

A través desta actividade preténdese facilitar ao alumnado a dispoñer de ferramentas que lles axuden a controlar e xestionar as emocións no seu día a día. En total, máis de 200 alumnos e alumnas de diferentes idades toman parte nestes ciclos programados pola Concellería de Educación en Poio.

Comentarios