O PSOE pide que se atalle a escorrentía da PO-230 no punto do accidente de Pedre

A confluencia entre os dous viais e os restos de auga persistente. DP
photo_camera A confluencia entre os dous viais e os restos de auga persistente. DP

A voceira socialista de Cerdedo-Cotobade, Ana Couto, vén de demandar máis atención para a escorrentía de auga que verte a estrada autonómica PO-230 sobre a N-541 xusto antes do punto do accidente do autobús en Pedre.

Tal e como advirte o PSOE local, "esta fin de semana, no que apenas choveu a auga que proviña da estrada de Serrapio producía un perigoso embolsamento de auga na nacional". Os socialistas lembran que "este non é un feito illado, é unha realidade coñecida polas persoas usuarias da vía que a diario circulan pola N-541".

A formación ten preparada unha petición para o próximo Pleno ordinario coa que instará ao Goberno local a demandar á Xunta e ao Ministerio de Transportes que se solucione esta situación "que está a poñer en grave perigo a vida da veciñanza de Cerdedo-Cotobade e de todas as usuarias e usuarios". Ademais lembra que a reforma da intersección das dúas estradas foi proxectada e aprobada polo ministerio de Fomento e consistiu na incorporación de carrís de cambio de velocidade e carrís centrais de espera para o xiro á esquerda. Engaden que con posterioridade, "a Xunta de Galicia acometeu a ampliación da estrada PO-230 dende Serrapio ata o seu entronque coa estrada nacional que incluía a ampliación da calzada e a execución de cunetas de seguridade".

O referido punto no que a auga invade a calzada atópase xusto antes da ponte de Pedre onde tivo lugar o accidente de autobus con sete víctimas mortais e Ana Couto entende que a petición de responsabilidades sobre o estado do vial debe centrarse no estatal e tamén neste. "Serán os técnicos os que digan cales foron as causas do accidente pero a realidade é que, día a día, se está a producir unha situación de perigosidade".

A agrupación socialista entende que a Xunta é a responsable por este embalsamento e "o Ministerio de Transportes tamén xa que debe vixiar as incidencias que provocan outras vías na rede de estradas nacionais". Así, pedirá ó Goberno local "que, en respecto á memoria das vítimas, manteña unha postura institucional de prudencia ata que se esclarezan as causas do accidente", sen prexuízo de esixirlle á Xunta e ó Ministerio que se solucionen os problemas de escorrentía na estrada".

Comentarios