O PSOE de Poio insta á Xunta a que invista na PO-303

O grupo municipal solicita unha partida mínima de 500.000 euros
Vista da autoestrada PO-303 ao seu paso pola parroquia de Samieira. DP
photo_camera Vista da autoestrada PO-303 ao seu paso pola parroquia de Samieira. DP

O grupo municipal do PSdeG-PSOE esixe á Xunta de Galicia que inclúa nos seus Orzamentos de 2023 unha partida específica para acometer unha mellora integral da seguridade viaria na estrada PO-303 ao seu paso pola parroquia de Sameira.

Os socialistas incluirán nas súas enmendas aos Orzamentos un apartado solicitando unha inversión mínima de 500.000 euros para a dotación de medidas que garantan a seguridade peonil nesta vía de titularidade autonómica. "Esa estrada leva anos esquecida e é preciso actuar antes de que teñamos que lamentar unha desgraza", advirte o voceiro do PSOE, Gregorio Agís.

Esta enmenda recolle as inquedanzas e petición da veciñanza de Samieira, entre a que "cada vez hai máis preocupación polo estado desta estrada", advirte o responsable socialista. Ao longo de todo o tramo que transcorre polo municipio, desde a rotonda na P0-308 ata Meis, "practicamente non existe ningún tipo de espazo para os peóns".

A situación agrávase especialmente naquelas zonas onde a anchura da estrada se reduce considerablemente. "Hai partes nas que non existe espazo suficiente para que se crucen dous vehículos se hai peóns ou bicicletas circulando", apuntan os socialistas, que tamén inciden na necesidade de mellorar a visibilidade en varios acesos de rúas secundarias e a ampliación da ponte na praza Alfredo Romay.

"Xa é suficientemente grave que a Xunta de Galicia só avance a unha obriña cada catro anos na PO-308 como para que tamén teña en completo abandono a PO-303, que tamén soporta unha gran cantidade de tráfico rodado durante todo o ano», denuncian os socialistas. Ademais, o PSOE advirte que esta situación só se produce no tramo de Poio. "A parte do vial que vai por Meaño está nunhas condicións notablemente mellores, con asfalto mellorado e beirrarúas desde Simes ata Meaño, nada que ver co que ocorre en Sameira. É unha discriminación evidente", apunta Agís, que tamén recorda que existe un acordo plenario, aprobado por unanimidade en 2020, no que se insta á Xunta de Galicia a tomar medidas.

O PSOE tamén carga contra o PP de Poio. "Unha vez máis queda demostrado que o señor Moldes o único que sabe facer é defender a capa e espada os intereses das súas siglas, sen dar prioridade aos intereses da veciñanza", conclúen os socialistas.

Comentarios