miércoles. 18.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 18.05.2022
El tiempo

O PSOE e o PP de Vilaboa, unidos polo Orzamento

Os grupos tras chegar a un consenso para aprobar o documento. DP
Os grupos tras chegar a un consenso para aprobar o documento. DP
Acadan un acordo para aprobalo tras engadir propostas dos populares

A Corporación municipal de Vilaboa deu este venres o visto e prace ao Orzamento 2021, un documento económico "clave para o desenvolvemento da actividade ordinaria da Administración e para marcar as liñas de axuda e apoio aos veciños e veciñas de Vilaboa", e fíxoo tras chegar a un consenso fundamental co grupo do Partido Popular.

Tal e como explicaron dende ambas formacións, o Goberno local de Vilaboa, encabezado polo socialista César Poza, presentou o documento aos dous grupos da oposicón, PP e BNG, "convidándoos a facer as aportacións que considerasen oportunas". Foi finalmente, tal e como explicaron, "no grupo do Partido Popular no que o Goberno atopou o respaldo suficiente para sacar adiante os Orzamentos para 2021". Neste sentido, acadaron un acordo que incorpora ao documento as aportacións do PP e "enriquece" as xa previstas en materia de Cultura, Deporte, Educación, Promoción do Emprego, investimentos ou obras, entre outras.

PARTIDAS. O Orzamento de 2021 incluirá un incremento da partida para a Escola de Música de Vilaboa, que pasará dos 15.000 euros nesta anualidade aos 18.000 nas tres seguintes. Pola súa parte, a banda de gaitas da AC Cobres recibirá 6.000 euros anuais a través dun convenio a catro anos, mentres que para o Entroido de Cobres destinarase unha partida de 12.000 euros durante o mesmo periodo. Establécese tamén unha partida de 10.000 euros para axudas ao deporte base, que se distribuirán seguindo as bases que se aprobarán en Pleno.

En materia de Promoción do Emprego, o acordo inclúe unha partida de apoio ao comercio local de 30.000 euros que se rexirán por unhas bases que o Goberno socialista se comprometeu a negociar co Partido Popular, ademáis de establecerse un convenio de colaboración de 10.000 euros coa Confraría de Pescadores Pedra de Oliveira, para adquisición de semente. No apartado de investimentos inclúense a finalización da rede de abastecemento de auga Picho-Toural-Acuña, a pista principal Pazos-Sobreira e a rede de saneamento do Concello. A maiores, o Goberno socialista consensuará co PP o investimento do remanente resultante do Plan Concellos.

O voceiro popular, Alberto Acuña, amosou a súa satisfación tras conseguir que o Goberno local incorpore algunhas das súas demandas nas áreas de Cultura, Educación e Deporte e reiterou a súa vontade de "sumar". 

O PSOE e o PP de Vilaboa, unidos polo Orzamento
Comentarios