Publicada a autorización para a construción do parque eólico As Penizas

Afectarán a terreos dos concellos de Cerdedo-Cotobade e Forcarei
Un aeroxerador. EP
photo_camera Un aeroxerador. EP

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes a autorización administrativa para a construción do proxecto Parque Eólico As Penizas, instalacións que afectarán a terreos dos concellos de Cerdedo-Cotobade e Forcarei. A actuación está promovida pola compañía Greenalia Wind Power S.L.U. e contará cunha potencia de 31,2 megavatios e sete aeroxeradores.

Tras modificacións no proxecto dende a primeira solicitude da promotora para a construción das instalacións, no 2017, o orzamento de execución material das instalacións será de máis de 23 millóns de euros.

Este proxecto súmase aos xa aprobados de Os Cotos, Porto Vidros, Campo das Rosas, Monte Festeiros e Touriñán III-2, ademais de aos proxectos en tramitación de Ampliación As Penizas, A Rula, Tramontana, Siroco, Pedra Longa e Cabanelas.

Precisamente o proxecto do eólico ampliación As Penizas foi obxecto de críticas o pasado mes de maio por parte de diferentes agrupacións políticas no municipio cerdedo-cotobadés. O alcalde, Jorge Cubela, sustentou nun informe da empresa Tysgal as 20 alegacións presentadas polo Concello contra dito proxecto. Entre as consideracións, o informe asegura que se está a producir unha fragmentación fraudulenta de proxectos eólicos na zona porque os parques de Cabanelas, Pedra Longa, As Penizas e ampliación As Penizas comparten infraestruturas.

Comentarios