jueves. 29.10.2020 |
El tiempo
jueves. 29.10.2020
El tiempo

Adrián Besada: "Publicar un libro sería un soño feito realidade"

Adrián Besada, no centro cultural Xaime Illa de Raxó. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Adrián Besada, no centro cultural Xaime Illa de Raxó. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
É a nova promesa no eido da poesía moderna poiense, un camiño iniciado pola recoñecida escritora Tamara Andrés

Cando o poiense Adrián Besada descubriu a placa do centro cultural Xaime Illa de Raxó o día da súa inauguración, cando só era un cativo que contaba con sete anos de idade, non podía imaxinar o moito que a súa vida podería chegar a vencellarse á historia do centro que o viu medrar, e que o pasado mes de agosto celebrou o seu X aniversario.

O amor pola literatura e, especialmente pola poesía, venlle dende a nenez, pero foi todo un descubrimento. "Foi no terceiro curso de primaria. Eu ía ao CEIP Vilaverde de Pontevedra, e polo Día das Letras Galegas facíase un certame literario de poesía", conta. Grazas ao impulso dunha mestra, desas que saben ben o significado da vocación, e que a utilizan para alentar aos cativos a cumprir os seus soños, hoxe en día Adrián é un ávido lector e escritor de poesía. "Fina, a mestra, animoume moito e conseguiu que por primeira vez me gustase escribir. A miña poesía foi a gañadora e aí naceu ese espírito creador. Aí descubrín o pracer pola lectura, porque nunca antes me gustara ler", asegura.

O resto veu só. Grazas á recomendación de boas lecturas por parte dos mestres e mestras, Adrián descubriu a grandes autores como Méndez Ferrín ou Cabanillas. "Comezou a interesarme moito a antropoloxía social, e xa non puiden deixar de ler".

Quizáis fora ese impulso o que o levou, á beira de cumprir os 18, a iniciar o primeiro curso universitario en Santiago de Compostela na carreira de Linguas Modernas, a antiga Filoloxía, e a continuar escribindo poesía, cun futuro moi prometedor. "Publicar un libro sería un soño feito realidade", confesa.

XAIME ILLA. Pero para iso, afirma Besada, "aínda teño que pulirme moito e madurar, considérome un afeccionado". Polo momento, escribe poemas para si mesmo, como unha vía de canalizar as emocións. Pero a súa actividade non queda aí. "Escribía para min, para botar fóra ese sentimento de afogo, ata que un día decidín presentarme ao concurso literario Xaime Illa". Naquel momento Adrián cursaba 2º de Eso e resultou vencedor. "Dende ese ano sempre participo no concurso, menos este último, a causa da pandemia".

O centro cultural Xaime Illa de Raxó é, para el, coma un segundo fogar, e entre eles hai un vínculo moi especial. "Cando se inaugurou eu era moi pequeno, tiña sete anos, pero xa nese momento era consciente da necesidade dun centro cultural para Raxó, e cando vin o centro, unha vez rematado, as miñas sensacións eran coma as dun neno cando ve unha película de Disney, estaba abraiado".

E xa nunca se separaron. O ano pasado e este verán Adrián, tamén vencellado á Asociación Cultural e Deportiva de Raxó, que xestiona o Xaime Illa, tivo un papel moi importante na vida do centro cultural, xa que foi a persoa encargada da sala de lectura, con tan só 17 anos. "O meu cometido era clasificar os libros, recoller as doazós, atender aos usuarios, e informarme de novos libros que se podían obter para a sala de lectura", explica.

E, como non podía ser menos, tamén tivo o seu papel no aniversario do centro cultural, no que leu un poema da recoñecida escritora poiense Tamara Andrés, que hoxe é para el un modelo a seguir. "Coñecina a raíz da súa participación en coloquios e conferencias e informeime sobre ela. Os seus libros son unha referencia, e gustáronme moito", confesa.

Neste sentido, e aínda que lle quedan moitos anos por diante, Adrián aspira a ser a nova promesa literaria do municipio xa que, a dicir verdade, adicarse á literatura está dentro dos seus plans. "Interésame o mundo da docencia, e gustaríame facer algo que estivera vencellado á literatura", afirma. Así, esa nova estela literaria poiense iniciada por Tamara Andrés poderá ter continuidade, a mans dun xoven para o que, asegura, as maiores influencias á hora de escribir poesía son Bécquer e Federico García Lorca. "Cando estou moi agobiado, estresado ou me vén a inspiracion, escribo poesía. Tamén escribín algun relato curto pero non é o mesmo". A poesía, a todos os efectos, é un camiño que non pensa abandonar porque, para este xoven poiense, a literatura é "a maior forma de expresión de beleza que existe".

Adrián Besada: "Publicar un libro sería un soño feito realidade"
Comentarios