jueves. 19.05.2022 |
El tiempo
jueves. 19.05.2022
El tiempo

"Os que non limpen expóñense ao decomiso da madeira e a sancións"

María Teresa González. DAVID FREIRE
María Teresa González. DAVID FREIRE
Desde que en setembro do 2021 o Seaga iniciou a limpeza das franxas forestais de Caldelas, é a muller máis buscada: tramitou centos de enmendas ao catastro e peticións de aprazamento para axudar coas limpezas dos montes. En Chaín, A Reigosa ou Silvoso xa se ven os resultados

Cando comezou o procedemento para limpar todas as faixas de protección de Ponte Caldelas?

Ao concello comunicouselle a principios de setembro que se ían a realizar inspeccións nas parroquias. Entón sacouse o correspondente bando. As notificacións empezaron a chegarlle aos propietarios a mediados de novembro. As parcelas de descoñecidos, en investigación e aquelas nas que os datos catastrais son incompletos (nome do titular, dirección, …) saíron publicadas o 22 de decembro no Boletin Oficial do Estado. Tamén se publicou no Diario Oficial de Galicia.

Cando calcula que poderá estar rematado?

A pesares de que en alguns núcleos xa empeza a facerse visible a limpeza da franxa perimetral de protección de incendios aínda hai moitas parcelas que se atopan por xestionar. Os motivos poden ser moi variados: parcelas de descoñecidos ou que se atopan en investigación, parcelas que solicitaron prórroga porque se atopan á espera que de alguna empresa lles veña a executar a xestión da biomasa ou que precisan autorización de outros organismos para executar as talas: Patrimonio, Augas de Galicia… Os inspectores realizaran en breve unha segunda inspección para comprobar de novo todo e continuar o procedemento sobre aquelas que non cumpriron. O ideal sería que con data 31 de maio estiveran a franxas correctamente xestionadas.

As cartas que recibiron os afectados, cóntanse por miles?

Medio rural, a Fegamp e Seaga, estableceron un convenio en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para crear un sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. Dos 313 concellos de Galicia, sumáronse 265, entre eles, Ponte Caldelas. Segundo o convenio, as inspeccións e notificacións foron realizadas por persoal de Seaga e afectan a todos os titulares de parcelas que se atopan ubicadas nas franxas de protección de incendios. Segundo datos facilitados polos seus inspectores, realizouse a inspección de 8.000 parcelas. En novembro foron notificadas sobre 1300. En decembro saíu publicada no BOE a listaxe das que se atopan como descoñecidas, que son parcelas en investigación ou aquelas que non puideron ser notificadas porque non se atopa un nome ou unha dirección correcta. A devandita publicación consta duns 150 folios completos de referencias catastrais, unhas 2.000 parcelas.

Cal é a principal demanda que lle presentan os afectados e como a está resolvendo o Concello?

Hai xente que é moi consciente da problemática dos incendios forestais e os danos que estes poden ocasionar, vistos os antecedentes que ten o Concello de Ponte Caldelas no referente aos lumes, especialmente recente e importante foi o do ano 2017. Pero tamén protestan porque as limpezas implican un custo moi elevado e, tendo en conta que a maior parte dos propietarios son persoas maiores, enfermas e cuxos recursos están baseado en pensións moi baixas, esta situación implícalles un gasto que non poden asumir. Outros tamén protestan porque se dan prazos moi curtos, que non deixan de ser os que marca a lei, pero os propietarios atópanse con dificultades para atopar e contratar empresas, que agora vense saturadas polo volume de traballo.

Tamén o Catastro está dando dores de cabeza aos afectados...

Os problemas catastrais que se están atopando son: situación e superficie incorrecta das parcelas e titularidades incorrectas. Segundo indica a lei, o responsable é o titular catastral polo que teñen que intentar subsanar eses erros que se están atopando. Desde o concello estase informando e axudando á tramitación de alegacións, solicitudes de prórroga, comunicacións de cumprimento, etc…

Cantos recursos de aprazamento se teñen tramitado? E permisos?

Ata o momento debe haber máis de 450 alegacións, algunas delas solicitando prórrogas, outras comunicando que as parcelas non son da súa propiedade ou que existen erros catastrais e outras xa están indicando que xa están cumprindo co requerido. As prórrogas solicítanse principalmente porque os titulares venden a madeira a unha empresa (neste caso é o madeireiro o que solicita os permisos) ou ben porque queren aproveitar a madeira para uso propio (neste caso é o propietario o que ten que solicitar o correspondente permiso de corta coa CHAVE 365 da Xunta ou chamando ao numero de teléfono que ten habilitado a Xunta, o 012). Por este motivo é difícil contabilizar os permisos de corta que se teñen solicitado en total.

Cal é a idea que ten a maioría dos afectados, que fará ben ou que hai algunha forma de ‘librarse’?

Como dixen anteriormente hai moita xente que é moi consciente da problemática dos incendios forestais e, pero a pesares de toda a problemática que este proceso está a supor, entende que é necesario que se realice para a protección dos núcleos. Unha vez realizadas as inspeccións, se ditas parcelas non foron xestionadas iniciarase o procedemento de execución subsidiaria, segundo se indica no artigo 22 da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios. Neste artigo se indica que se repercutirán os costes da xestión da biomasa á persoa responsable, sen perxuizo da liquidación definitiva unha vez rematadas as tarefa. Se isto incluira a retirada de especies arbóreas prohibidas, podería realizarse o decomiso das mesmas e o inicio do expediente sancionador que corresponda.

Por que moitos se atopan con que os terreos que calculaban que estaban “lonxe das casas”, ao final están incluidos neste procedemento?

O erro de moitas persoas é que pensan que dita franxa son os 50 metros dende as casas, e este caso so se pode contabilizar no caso de vivendas illadas.

Ponte Caldelas viviu de xeito brutal o impacto da vaga de lumes de 2017, daquela ardeu máis do 80% da superficie do concello. Que tería pasado daquela se existiran estas franxas que agora se están a facer?

Probablemente os danos producidos serían menores posto que o lume non se achegaria tanto as vivendas e as edificacións.

"Os que non limpen expóñense ao decomiso da madeira e a sancións"
Comentarios