Queixas ao manterse sen ambulancia medicalizada o PAC de Cerdedo

A Plataforma de Cerdedo pola Sanidade Pública fala de "agravio" pola ausencia das dotacións necesarias para dar resposta aos traslados e necesidades sanitarias da poboación
Una ambulancia del 061. AEP
photo_camera Unha ambulancia do 061. AEP

A Plataforma de Cerdedo pola Sanidade Pública vén de difundir nun comunicado o seu descontento coa proposta de contrato de coberturas de servizo de ambulancia realizada pola Fundación Pública 061, dependente da Xunta de Galicia e que, de novo, non inclúe o PAC de Cerdedo como punto fixo para unha ambulancia medicalizada.

A asociación entende que Cerdedo, así como os territorios de Campo Lameiro, Forcarei, A Lama Terra de Montes e zonas do interior de Lugo e Ourense, están a "ser agraviadas" pola ausencia das dotacións necesarias para dar resposta aos traslados e necesidades sanitarias da poboación. O colectivo xa lle pedira persoalmente ao xerente da EOXI en Pontevedra, José Flores, e á responsable do 061 Adriana Regueira, que se modificasen as condicións do vindeiro contrato para resolver a situación de Cerdedo, pero ese cambio non chegou a materializarse.

Cos datos que manexa o colectivo, ao ano prodúcense "entre 900 e 1.000 traslados de concellos como Forcarei, Campo Lameiro ou Cerdedo Cotobade" ao PAC desta vila ou ao Complexo Hospitalario de Pontevedra. A asociación insiste tamén en que os tempos de espera por parte dos doentes están a superar, en moitos casos, máis dunha hora "ao ter que agardar a chegada da ambulancia da Estrada", concello do que depende parte deste territorio.

Con todo, a pesar do descontento, a asociación insiste en que seguirá a demandar este servizo e anima aos partidos políticos con representación no Concello: PP, BNG e PSdeG a facer o mesmo. ao entender que se deben responsabilizar "por non ter loitado o suficiente pola veciñanza á que representan".

Comentarios