sábado. 07.12.2019 |
El tiempo
sábado. 07.12.2019
El tiempo

Quen fixo a cara que se ve nesta rocha?

Este conxnto granítico está 'traballado' supostamente pola man humana, non só na cara oeste (imaxe), senón no interior, a onde se accede a través dunha rampa. SONDAVELLA.COM
Este conxnto granítico está 'traballado' supostamente pola man humana, non só na cara oeste (imaxe), senón no interior, a onde se accede a través dunha rampa. SONDAVELLA.COM
O colectivo Son da Vella descobre, nos seus percorridos pola comarca, unha cova singular en Tenorio na que se pode ver unha cara riscada e que ten un habitáculo de dez metros no interior

CHÁMASE Pena do Cabalo e ben podería ser chamada Pena da cara riscada ou Pena do soldado romano.

Ben sabido é que a mente humana non pode substraerse ao fenómeno psicolóxico de ver formas coñecidas, nomeadamente caras, en paredes, obxectos domésticos, frontais de coches, ou mesmo en fachadas de edificios.

É un fenómeno moi frecuente que ten o nome de pareidolia, pero o caso que nos ocupa non parece ese. A rocha da imaxe, que levanta varios metros nunha das marxes abruptas do río Lérez, non ten unha faciana porque nós, como espectadores, identifiquemos nela a sombra de dous ollos e un narís, seguido dunha pequena boquiña. Tenos, porque a man humana dalgún antecesor quixo que fora así. Ou, cando menos, quixo completar a imaxe que se antollaba ao ver este penedo.

O lugar tamén ten escalóns e cazoletas nas súas elevacións

Quen o conta son os membros do colectivo Son da Vella. Os mesmos que hai escasas semanas comunicaron a Patrimonio o achádego dunhas 20 covas e refuxios en conxuntos graníticos dos montes de Mirón e Ponte Caldelas. Neste caso, esa mesma asociación trataba de coñecer os puntos de maior valor paisaxístico de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, e foi en Vilanova onde apareceu esta mole de granito que, vista desde unha distancia media, dificilmente se deixará de identificar cunha faciana humana. "A forma da cova é a natural, pero ten uns poucos retoques a man: a boca e o casco", sosteñen os integrantes deste colectivo. Pero esa non é a única sorpresa que agocha o lugar, xa que na outra fachada desta pedra hai unha entrada que permite acceder a un agocho duns dez metros de habitáculo. Tratarase doutra cova como as detectadas en Ponte Caldelas? Cal sería, en tempos antigos a súa función?

Neste caso, o conxunto ten ademais uns socalcos feitos "pola man humana" nun lateral e por eles pódese subir ou baixar. Tamén ten "unha terraza" a cinco metros de altura e moitas cazoletas nas súas elevacións. O colectivo, que vén de publicar unha primeira remesa de fotos deste punto, recomenda a visita "porque é un lugar cheo de lendas e tradicións, onde aínda observamos algúns cultos activos".

Quen fixo a cara que se ve nesta rocha?
Comentarios