Ángel Moldes, futuro alcalde de Poio: "Quero que todo pase por min"

► O futuro alcalde de Poio ten 42 anos e un fillo de catro, reside en Raxó, pero é nado en San Xoán. Fillo e neto de mariscadoras, nunca pensou no que sería de maior, e presentábase por terceira vez ás eleccións. Xa adianta que será un mandato pragmático, centrado en resolver "problemas e demandas reais dos veciños"
(_00A2003.jpg) 11 00 Casal de Ferreiros Entrevista a Angel Moldes15011
photo_camera Ángel Moldes, futuro alcalde de Poio. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

ACABA de gañar as eleccións e en cinco minutos na rúa, en pleno San Salvador, non hai un peón que non o saúde e felicite. Ángel Moldes, cun coche cheo aínda de carteis e programas de campaña, apura reunións antes de que chegue o día da investidura. Esta é a súa diagnose do Concello e do que poderá facer o PP nel durante os catro anos que veñen por diante.

Unha semana despois das eleccións, e vendo que en algúns, como Cerdedo-Cotobade, o propio alcalde recoñece que non queda moito marxe para medrar, vostede que pensa: está o PP no seu teito con 10 edís en Poio?
Non podemos dicir que o PP chegara a un tope. Sei que dixen que nos apoiou moita xente que non votaron ao PP, senón a Ángel Moldes. Pero a partir de agora vai depender moito de nós e do que fagamos durante estes catro anos para poder incrementar este apoio.

Que lle di aos seus rivais, Gregorio Agís e Marga Caldas, que xa adiantaron que seguirán na oposición?
A Gregorio e a Marga deséxolles a mellor das sortes. Nada do que poidan comentar, interpretar ou sentir me sorprende. Empatizo moito con eles porque é algo que eu vivín antes e sei o que é.

Atendendo a como será a Corporación, o actual alcalde, Luciano Sobral, non poderá darlle o bastón de mando na investidura...
Está sobre a mesa que o faga el. Eu ofrecinlle dúas cousas e espero que o propio BNG saiba entender este momento e distinguir a parte política de home de partido da de alcalde de todos. Unha das cousas é que entregue o bastón de mando no acto de investidura, como fixo con el o alcalde Couselo. Despois de 40 anos no Concello e 28 de alcalde, creo que Sobral merece un respecto e creo que sería bo para o noso Concello que se produza este acto así, como símbolo de convivencia democrática. E despois, eu tamén creo que Poio necesita despedirse de Luciano Sobral. Considero que no seu día, cando anunciou a retirada, fíxose unha cea homenaxe, pero organizada polo BNG e moitos non acudimos porque era un acto de partido. Creo que el merece un acto institucional. Eu o outro día propuxen que veña ao acto de lectura do pregón de San Xoán e participe no mesmo no balcón do Concello, onde pode despedirse se así o quere de toda a veciñanza. Gustaríame que tivera esa despedida institucional polo querido que foi e é. Díxome que ía pensalo.

Como planifica o mandato?
O que máis me preocupa son as cifras. Temos unha radiografía clara da débeda do Concello cos bancos. Pero creo que hai facturas sen partida presupostaria. As obras destes meses veñen de contratos sen procedemento, de contratos verbais e agora imos atoparnos con cantidade de facturas que non teñen partida presupostaria. E hai partidas no presuposto que están esgotadas. As miñas conversas coas persoas da área económica xa as tiven. Os próximos días tratarei de reunirme coa interventora.

Terá que recurrir a unha das modificacións de crédito das que tanto ten renegado?
Para poder recurrir a unha modificación de crédito hai que ter unha partida dentro do Presuposto e o problema é que non imos tela. A idea do tripartito eu creo que era pedir un préstamo. Nós vimos denunciando moito tempo iso, e atopamos que será o primeiro problema a solucionar porque os proveedores, os contratistas e as empresas non teñen culpa disto.

Prevé paralizar algún dos proxectos para reconducir fondos?
Sería inxusto cara os veciños e irresponsable. Por iso eu teño claro que imos facer unha auditoría e dar a coñecer o contido da mesma.

Unha auditoría externa?
Non. Eu valoro o traballo da xente da casa. Esta campaña houbo ataques importantes cara os funcionarios, pero eu deféndoos. Temos un equipo moi bó. Na área económica estou totalmente tranquilo e na área de Urbanismo, igual.

E como vai ser o seu formato? Será un Goberno de concentración cunha soa adicación exclusiva ou haberá áreas e edís liberados?
Creo que todos, tanto os meus compañeiros como os funcionarios, me coñecen un pouco e xa saben que me gusta saber o que sucede. Gústame delegar, pero quero que todo pase por min. Independementemente de que se deleguen as áreas, e xa funcionamos con elas como oposición, eu quero saber o que sucede en cada proxecto, área ou actuación.

Os partidos saíntes están preocupados pola continuidade de moitos proxectos. A PO-308, por exemplo, cal é o seu futuro?
Reunireime en canto sexa a investidura coa conselleira Ethel Vázquez. Falaremos de como están os dous tramos, o que está en marcha e o tramo Combarro-Samieira e a partir de aí a humanización de San Salvador que levabamos no noso programa. E tamén a PO-303 en Samieira, onde tentaremos que entre no proxecto de Sendas e de calmado de tráfi co da Xunta.

E o saneamento de Raxó e Edar?
O mesmo. Será fundamental a colaboración total entre os dous concellos, tanto institucional como persoal. Ademais da EDAR tamén queremos buscar a fórmula para dar saída a Raxó cara A Granxa. O seguinte, por orde de importancia sería o contrato da xestión da auga... Iso é fundamental. Un dos primeiros contratos que hai que solventar é este. E debe dar resposta a reposición de toda a zona da Caeira e Boavista, traer auga a Fragamoreira e saneamento a vilariño e tratar de dotar a esas 1.500 persoas que non teñen saneamento.

Está avanzado?
Hai un informe da interventora. Quero mirar pregos e condicións e creo que habendo un traballo feito, levarase ao pleno o antes posible. É moi urxente.

E a continuidade do traballo no frente marítimo de Raxó?
Esa é outra reunión que quero ter coa empresa o antes posible. A obra de Ramón Encinas está en marcha, pero estivo moito tempo cun par de operarios e non avanzou moito. Hai que acabar este mes si ou si. Porque as perdas que sufren hoteis e restaurantes son moi elevadas. Hai que incrementar o ritmo dos traballos. Esta actuación, ademais, ten que estar rematada para que non se perdan os fondos europeos. O seguinte tramo iniciarase a fi nais de setembro, despois das festas da Saleta.

E periga a segunda parte da humanización de Campelo?
Vimos de recuperar (o PP) a Deputación e unha das actuacións prioritarias é continuar a estrada de Campelo ata comunicar coa Seara e coa Avenida de San Xoán.

É dicir que se mantén o convenio...
Eu desconfío que era un anuncio electoral e non un convenio. Se hai algo, ben, e se non, será unha actuación prioritaria para nós.

Cal é o futuro de Fragamoreira?
O señor Regades, xefe de filas do PSOE, fixo o mesmo anuncio en Poio para o polígono de Fragamoreira que en outros oito concellos da provincia. Iso non é moi crible. Pero calquer institución ou empresa privada pode desenvolver un polígono. Se hai interés, que Zona Franca llo solicite á Xunta. En todo caso, este é un dos temas que eu plantexarei na miña primeira reunión co presidente da Xunta. Esta é unha actuación que se debe trasladar directamente ao presidente Rueda porque é prioritaria.

Sempre houbo o debate de que a Xunta ten abandonado Poio. Como vai abordar esa relación coa Administración autonómica?
Bueno, con 50 millóns de euros e co emisario mellorou a depuración do 80% dos veciños de Poio (coa actuación nos Praceres) ademais dos investimentos en todas as outras áreas, como educación e Sanidade, así que eu creo que non se pode afirmar iso. En todo caso, Poio necesita dar un paso máis. A miña intención é propoñer investimentos para dotacións deportivas, o polígono e a humanización da PO-308.

Que vai pasar co terreo da Canteira?Gústalles como espazo de concentración de dotacións?
Si, claro. O que non nos gusta é que se minta. Paréceme ben que acolla o centro de saúde, pero non me parece ben que se trate de transmitir que o traballo está feito e que agora depende da Xunta. Os terreos teñen que pasar un proceso de adaptación urbanística porque non son aptos para acoller dotacións e ademais hai que aprobar un PEIM (Plan Especial de Infraestruturas) para o acceso e servizos. Nós preguntamos canto custaría o vial para chegar á canteira e aquí o único sincero foi Xulio Barreiro, que recoñeceu que pode levar catro anos todos ese proceso e que o vial pode ser máis caro que o centro de saúde. Hai un anteproxecto para ubicalo entre a PO-308, a intersección de Albar, e hai que abrir un vial que iría por unha zona na que é todo pedra. O terreo? Estaba ben e tiña un bó prezo, pero farán falta millóns de euros para abrir esa montaña ao medio. Na zona, as fi ncas xa se chaman ‘As Rochas’. E non sei se alguén esqueceu que somos o Concello con máis débeda da provincia.

Estudarán outras alternativas?
Non. Queremos facelo. Pero hai que dicir a verdade. Con que o imos pagar?

E os equipamentos deportivos novos situaríanse alí?
Nós non atopamos técnicos que garanticen que na Canteira hai espazo para equipamentos deportivos e todo o demais. E nós querémolos na Seca, porque queremos un concello organizado, onde, se xa hai dous campos de fútbol e un pavillón, se poidan concentrar todas as actividades, de modo que pais e nais que se achegan a deixar un neno nunha actividade, poidan, por exemplo, acudir a outra. Pero primeiro que haberá que facer é un Plan Especial para regularizar todo o que xa hai e está fora de ordeación. Despois, iso permitiranos construír dotacións novas.

E o Plan Xeral, quere retomalo?
A nosa idea é buscar solucións a problemas actuais e concretos e actuar. Eu xa mantiven unha reunión con Encarna Rivas e recurrei a modifi cacións do PXOM para solucionar problemas históricos do Concello.

Como xestionará Tambo?
Ante todo, recordar que todo o referente a Tambo se aprobou por unanimidade no Concello. Pero, unha das cousas que non fi xo ben o tripartito foi xerar empatía nos veciños cara a illa. Entendemos que non poden ser tratados igual os veciños que os turistas. Nós reunirémonos coas navieiras e pedir que se rebaixe o prezo. E ademais, na próxima convocatoria, queremos pedir o distintivo de bandeira azul para a praia, igual que Cíes.

Iso significa que a praia será usada como zona de baño?
Non o vemos como inconvinte. Hai un número limitado de visitantes. Ademais a zona das dunas está delimitada. Cíes por exemplo, cun nivel de protección máis alto, ten bandeira azul.

A foto que ilustra esta entrevista está tomada no lado poiense da Ponte de A Barca. A campaña comezou con polémica alí ante a idea de que os grupos da esquerda quería pechar un sentido da ponte, algo que foi desmentido. Como avanzará agora a súa relación co Concello de Pontevedra, onde previsiblemente repetirá Miguel Anxo Fernández Lores?
As relacións institucionais con Pontevedra serán sempre de respecto e diálogo, pero nós defenderemos sempre o dobre sentido da ponte. Imos respectar decisións como a que tomou o Concello con Raíña Victoria, pero eu, unha das primeiras reunións que quero ter é con Lores e direille que esa decisión prexudicou moito aos veciños de Poio, ao non permitir a entrada de coches no concello. E pedirei que, se teñen pensado tomar algunha decisión similar en Echegaray e Alameda, tamén prexudicará aos intereses dos veciños de Poio. Despois, outro tema que será moi importante é a comarcalización do parque de Bombeiros de Pontevedra, coa axuda da Deputación. Creo que se dan as circunstancias, e no caso de Poio, non pode ser que o parque estea en San Salvador e que se arde en San Salvador teñan que vir os Bombeiros de Ribadumia, así que quero poñer isto sobre a mesa. Pontevedra sempre dixo que o que non quería era ter que asumir os custos, pero ao ser un concello de menos de 20.000 habitantes tería que encargarse a Deputación.

Comentarios