Sábado. 20.04.2019 |
El tiempo
Sábado. 20.04.2019
El tiempo

Quince internos da Lama fórmanse en cantería coa Escola da Deputación

Silva asistiu á inauguración da acción formativa xunto aos responsables dos centros e ao profesor do curso. DP
Silva asistiu á inauguración da acción formativa xunto aos responsables dos centros e ao profesor do curso. DP

O centro penitenciario acolle un obradoiro de 'Elaboración de obras en pedra natural' que se desenvolverá durante seis meses

Trece internos e dúas internas do Centro Penitenciario da Lama comezaron este luns un novo taller formativo da Escola de Cantería da Deputación. A presidenta provincial, Carmela Silva, asistiu á inauguración da acción, que baixo o título de Elaboración de obras en pedra natural terá lugar tres días á semana ao longo de seis meses (ata o 4 de agosto) ata completar un total de 250 horas. Acompañárona no acto a deputada delegada da Escola de Cantería, Montse Magallanes; o director do centro, José Ángel Vázquez; o seu director de Formación, Juan Román, e o profesor do curso de Cantería, Manuel Varela Portela.

Silva aseguroulle ao alumnado que "a cantería é unha especialidade que xera moitos postos de traballo" e lembrou que, de feito, "da Escola de Cantería saíron profesionais con moito prestixio que están a traballar en importantísimos monumentos do patrimonio universal como as catedrais de Santiago e de Westminster (Londres) ou o Capitolio de Washington". Así, a dirixente provincial animou ás 15 persoas que recibirán a formación –que en todo momento se amosaron con moitas ganas de comezar– a deixarse a pel xa que "permitiravos coñecer as técnicas, ser capaces de facer obras en pedra, e quen sabe se poderá ser o voso futuro", díxolles.

PROFESIÓN CON DEMANDA. Silva lembrou que "hai moita demanda desta profesión porque hai moito patrimonio en todo o mundo que é necesario rehabilitar", e tamén fixo mención á outra calidade da cantería: "Traballar a pedra é tamén unha arte".

Grazas a este curso, o alumnado aprenderá a realizar obras de artesanía en pedra (que achega a propia Escola da Deputación, así como o resto de ferramentas necesarias) e tamén se poderá dotar dunha sólida base en materias como o cálculo e execución das pezas. Os seus contidos repartiranse en dous bloques: cantería básica e escultura básica.

Con esta acción da Escola de Cantería búscase poder aplicar os conceptos, procedementos e estratexias da cantería a estudos posteriores.

O director do Centro Penitenciario da Lama, José Ángel Vázquez, quixo agradecer á Deputación "o seu apoio á formación das e dos nosos internos" e Silva díxolles aos alumnos que "non teño dúbida de que cando vexades o froito de todo o voso traballo, iso faravos moi felices e agardo que poidades cumprir os vosos soños porque todas as persoas o merecen".

A presidenta tamén agradeceu ao mestre do curso "o seu traballo para transmitir todo o seu coñecemento" e trasladoulle ao director do centro a súa intención de volver ás instalacións unha vez o curso estea avanzado.

"Agardo que me invite para ver o que fostes capaces de realizar e para poder gozar das vosas obras, estarei pendente da evolución do curso e comprométome a volver", afirmou.

Desde o ano 1979 a Escola de Cantería ensina a traballar a pedra e a estimular a vocación artística para o desenvolvemento da artesanía no sector.

Quince internos da Lama fórmanse en cantería coa Escola da Deputación
Comentarios