Martes. 18.06.2019 |
El tiempo
Martes. 18.06.2019
El tiempo

Quince veciños de Ponte Caldelas traballarán en Vigo na fábrica de Lear

As quince persoas formadas polo Concello de Ponte Caldelas que traballarán en Lear.
As quince persoas formadas polo Concello de Ponte Caldelas que traballarán en Lear.

As 15 persoas formadas polo Concello de Ponte Caldelas para traballar na fábrica do Grupo Lear (antiga Antolín) en Valladares (Vigo) visitaron este luns as instalacións acompañadas polo alcalde, Andrés Díaz. Unha visita na que coñeceron a liña de produción de asentos e na que tamén estivo presente o xerente de Lear, José Luis Antolín Ayala.

O curso, que tivo unha duración teórico-práctica de 110 horas, culminou cunha proba realizada directamente en fábrica e agora dará paso a un primeiro contrato en prácticas de 15 días antes de pasar a formar parte de xeito definitivo do cadro de persoal de Lear.

O Concello contou coa colaboración da empresa Gi Group, que se ocupou de preseleccionar aos perfís máis axeitados e, a continuación, a formación foi impartida pola firma Equitalent en colaboración con cadros do Grupo Lear, garantindo así unha correcta asimilación dos contidos necesarios.

Durante a visita os responsables do Grupo Lear deron a benvida aos candidatos a pasar a formar parte do seu persoal e agradeceron a colaboración do Concello, subliñando que non é habitual que os concellos se impliquen deste xeito e, moito menos, que queiran participar nunha visita guiada polas instalacións industriais.

O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) optou por este tipo de estratexia para reinserción laboral dos seus veciños e veciñas. Así, preselecciona a persoas desempregadas e empadroadas en Ponte Caldelas, ofrecéndolles unha formación gratuíta e adaptada ás necesidades de empresas da contorna a cambio de garantía de contratación para as persoas que superen o curso.

Quince veciños de Ponte Caldelas traballarán en Vigo na fábrica de...
Comentarios