Rebaixan a nota da aspirante a mestra dun obradoiro e perde dous empregos

A Xunta e os Concellos de Soutomaior e Pazos, condeados a pagarlle 17.400 euros por lucro cesante
Casa consistorial de Soutomaior. GSV
photo_camera Casa consistorial de Soutomaior. GSV

O BNG de Soutomaior vén de revelar que o Concello foi obrigado a pagar unha sanción de 4.360 euros a unha traballadora solicitante dunha praza nun obradoiro de emprego do municipio soutomaiorense despois de que a comisión encargada da adxudicación cometese, presuntamente, irregularidades no proceso de selección.

Tal e como relata o BNG, a persoa afectada, que se presentara para a obtención dunha praza de docente da especialidade de operacións básicas de cociña no concello de Soutomaior, obtivo unha puntuación total de 13.89, o que lle daba acceso ao posto, xa que a segunda conseguira unha puntuación de 13.78.

Con esa nota, a traballadora decidiu renunciar á mesma praza no Grove e escoller Soutomaior "por motivos de conciliación".

Pero mentres tanto, a comisión mixta tomou a decisión de reducirlle a puntuación na proba de entrevista a un 4.75 por "problemas de transcrición", aínda que recibira un 5 nesa proba en primeira instancia.

Dáse a circunstancia de que non houbera alegacións previas a esta calificación que foi cambiada, e de que esta resolución da corrección foi publicada fóra de prazo. Esta situación supúxolle á persoa afectada a perda da praza en ambos concellos, o que la levou a denunciar aos integrantes da comisión mixta, integrada por representantes municipais de Soutomaior e de Pazos de Borbén e por responsables da Xunta.

Despois de denunciar o caso, o xuíz deulle a razón á demandante, e impúxolle unha sanción de 17.440 euros ao concello de Soutomaior, ao de Pazos e á Xunta por lucro cesante e dano moral.

Desa contía, o concello de Soutomaior está obrigado a abonar a cantidade de 4.360 euros, ao igual que o concello de Pazos de Borbén. Pola súa parte, a Xunta asume o pago de 8.720 euros.

O BNG censura que o Goberno local, por unha banda, parece ter participado plenamente no proceso que levou a este agravio laboral, e, por outra, que a política de selección e contratación do Concello está a poñer a Soutomaior no foco por irregularidades.

Así, o BNG lembra que este mandato tamén se produciron condeas "por fraude na contratación de Auxiliares de Policía Local" para desenvolver responsabilidades presuntamente atribuídas aos axentes.

Para o portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo, esta nova condea "supón unha nova mostra da nula capacidade deste Goberno, encabezado polo seu alcalde, para sacar adiante calquera traballo ou tarefa administrativa", situación que "repercute na imaxe do Concello, ademais de que deriva en cuantiosas sancións e indemnizacións que saen do peto de todos e as veciñas de Soutomaior".

Comentarios