martes. 27.10.2020 |
El tiempo
martes. 27.10.2020
El tiempo

Red Eléctrica Española reporá os danos derivados da subestación en Bértola

O alcalde de Vilaboa, César Poza, visitou as instalacións para comprobar os niveis de seguridade e de impacto ambiental da infraestrutura  

Responsables da empresa Rede Eléctrica Española (REE) confirmaron a César Poza, alcalde de Vilaboa, a reposición dos viais afectados polas obras de construción da subestación que a REE está a levar a cabo na parroquia de Bértola para garantir a subministración eléctrica ao Eixo Atlántico Ferroviario.

O compromiso foi trasladado ao rexedor municipal por técnicos da empresa estatal nunha visita realizada por César Poza ás obras cun triplo obxectivo: Comprobar que a empresa atendera as demandas do Concello no que refire aos danos nos viais municipais; constatar que a infraestrutura está a causar o menor impacto ambiental posible na parroquia de Bértola e cerciorarse de que os traballos se están a desenvolver con plenas medidas de seguridade.

César Poza percorreu cos técnicos de Rede Eléctrica o vial de servizo veciñal que está a padecer o tráfico constante de camións pesados para o traslado de materiais á subestación e no que se concentran os maiores danos.

Os traballos poderían estar rematado no prazo dun mes, momento no que a REE acometerá a reposición do firme. Os prazos que baralla a empresa para a entrada en funcionamento da subestación eléctrica, que ademais de abastecer de subministración eléctrica ao AVE reforzará o servizo nos termos municipais de Pontevedra, Vilaboa, Pazos de Borbén e Caldas de Reis, está previsto que entre en funcionamento no segundo trimestre de 2021.

No seu percorrido polas instalacións César Poza puido comprobar que se trata dunha infraestrutura segura “de tipo encapsulada, cos elementos máis sensibles blindados”. O alcalde de Vilaboa fai un positivo balance da visita cursada á subestación eléctrica xa que lle permitiu comprobar “a boa vontade que ten a empresa para resolver todas as incidencias derivadas dos traballos e nese eido estamos satisfeitos”, explica o rexedor municipal.

Cabe recordar que a subestación de transporte de enerxía eléctrica de Bértola, de 220 kW, ocupa unha superficie total de 10.969,76 metros cadrados e que a súa construción implicou movemento de terras, execución de drenaxes, canalizacións de servizos, construción de edificio de mandos e caseta de relés, así como un vial de acceso pavimentado, tendidos aéreos e un peche perimetral.
 

Red Eléctrica Española reporá os danos derivados da subestación en...
Comentarios