A reforma interior do Pazo de Besada concluirá a finais do mes de xullo

O edificio asumirá unha función social e administrativa, mentres que a Casa Rosada quedará destinada a eventos e cursos
A presidenta da Deputación, o alcalde e varios representantes municipais visitaron as instalacións. DAVID FREIRE
photo_camera A presidenta da Deputación, o alcalde e varios representantes municipais visitaron as instalacións. DAVID FREIRE

O proxecto do Pazo de Besada será unha realidade a finais de xullo deste mesmo ano. Tras unha ambiciosa obra que nestes momentos atópase no seu momento álxido, e que se está a levar a cabo cun orzamento de máis de medio millón de euros do Plan Concellos da Deputación, o emblemático edificio abrirase por fin á veciñanza, e terá un uso esencialmente administrativo e tamén social, tal e como explicaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, este mércores durante unha visita para supervisar o avance dos traballos.

Neste sentido, as dependencias, que albergan dúas prantas e ático, acollerán a actividade da Concellería de Servizos Sociais, trasladando ao Pazo servizos como o Centro de Información á Muller e a actividade administrativa que arrodea ao departamento. A maiores, será tamén un espazo pensado para xóvenes e maiores, que poderán facer uso das dependencias a nivel social. Deste xeito, segundo explicou o edil Gregorio Agís, o edificio "vai recibir ás persoas maiores que terán atención e un espazo de lecer, xa que imos dispoñer das terrazas, que se coordinarán co funcionamento do espazo comunitario para que poidan ler a prensa e veñan facer as súas xestións. Trátase de que sexa un punto intermedio no que unha persoa maior poida estar mentres a familia fai xestións" cun compoñente de "atendemento, onde poden estar tranquilos e seguros".

A presidenta da Deputacion Carmela Silva xunto ao alcalde de Poio Luciano Sobral visitan a reforma interior do Pazo de Besada realizada con recursos do Plan Concellos da institucion provincial Entrada Pazo de Besada. DAVID FREIRE
A presidenta da Deputacion  xunto ao alcalde na entrada ao pazo. DAVID FREIRE

No ático ubicado na parte alta do edificio, e reconstruido íntegramente en madeira, ubicarase un espazo para os xóvenes a modo de zona de estudo e lectura.

No que respecta á Casa Rosada, seguirá a ter unha función íntegramente ligada a Servizos Sociais, e destinarase a eventos, cursos e actividades. "Servizos Sociais ten un programa de actividades moi ambicioso e imos seguir precisando o espazo e, ao mesmo tempo, os colectivos do municipio poderán ir dispoñendo de espazos na medida en que estes se liberen", apuntou Agís.

"Coidar das persoas, facer que haxa equipamentos para atendelas é unha das grandes prioridades dos gobernos locais", manifestou Silva, quen tamén explicou que a reforma "cumpre agora tódalas normativas sobre aforro enerxético, salubridade e a necesidade de garantir que sexa un edificio amable para a xente".

Unha vez que a obra remate e se certifique o vindeiro mes de xullo, "haberá que dar un tempo para trasladar as instalacións e o mobiliario, e montar as oficinas", explicou Sobral. O alcalde, pola súa banda, lembrou que o edificio histórico foi residencia do ministro de Asuntos Económicos da Restauración, Augusto González Besada y Mein, e o lugar onde veraneou a familia González Besada, inaugurado en 1913. "Recuperouse como espazo público para o Concello a través dun convenio urbanístico que se asinou arredor de 2001 coa aprobación do Plan de Ordenación. Recuperamos as edificacións que existían aquí, como poden ser a casa dos caseiros e máis as cocheras e, a través dese convenio coa familia, que tamén implicaba a reconstrución do pazo, permitiuse a construción de vivendas colindantes mediante unha promotora, á vez que nós recuperamos o pazo". O edificio, explicou Sobral, "tiña a cuberta caída, houbo que recuperar a carpintería e agora estamos no último punto do camiño, que é poñer este pazo a disposición da cidadanía".

O xardín, unha protección superior á do pazo
O emblemático xardín do Pazo de Besada non se tocará. Así o explicaron o alcalde e o edil de Promoción Económica, quen manifestou que "o nivel de protección do xardín é incluso superior ao do propio pazo. Non imos poder modificar nada en canto ao deseño actual. As nosas labores vanse limitar ao mantemento, que será máis continuo cando o espazo esté ao cen por cen". Deste xeito, manifestou Agís, "non imos poder facer zona de parque infantil, como se ten dito, nin modificar os setos. Iso está moi protexido e Patrimonio pretende manter o caracter orixinario. Nós queriamos actuar na entrada e non nolo permiten, só se poderá pavimentar a zona de transición e o resto quedará co xabre orixinal".

Comentarios