O CEIP Manuel Cordo Boullosa reforza a poboación de troitas no río Verdugo

Medio Ambiente soltou 150 exemplares adultos en Ponte Caldelas

Momento de la liberación de truchas en el Verdugo.DP
photo_camera Momento de la liberación de truchas en el Verdugo.DP

PONTE CALDELAS. O tramo caldelán do río Verdugo recibiu onte 150 exemplares de troita adulta que foron liberados por un grupo duns 40 alumnos de Terceiro de Primaria do CEIP Manuel Cordo Boullosa e polos técnicos do Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.

A solta de exemplares produciuse, como vén sendo costume, como antesala do Concurso Internacional de Pesca que se celebra con motivo da Festa da Troita. Os peixes eran maioritariamente duns 20 centímetros de lonxitude, aínda que na remesa tamén había varios con envergaduras de ata case 30 centímetros.

O alcalde, Andrés Díaz; o concelleiro e director do colexio, Manuel Barreiro, e o tamén concelleiro José Manuel Martínez participaron no evento,no que tamén estivo presente a Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo, a través do seu presidente, Lino Mariño. Todos eles recibiron as instrucións do capataz do servizo autonómico, Víctor Rial,que foi o encargado de coordinar a acción.

Con esta actividade, o Concello e Medio Ambiente dan por repoboado varios treitos do río unha semana antes da Festa da Troita, que inclúe un concurso internacional de pesca. Os exemplares foron liberados, ademais, no couto adicado á captura sen morte, é dicir, con obriga de devolver as pezas que piquen ao río.

Capturas do río: Peixes liberados da contorna das minicentrais

O responsable do servizo autonómico informou de que todas as troitas son exemplares capturados con motivo das limpezas periódicas que se efectúan na contorna das minicentrais eléctricas do Verdugo, polo que, simplemente, trasladáronse río arriba. O nivel de supervivencia é practicamente total nestas condicións, sinalaron. 

 

Comentarios