Reigoradio, a emisora do colexio que emite en directo... e no recreo!

A chegada do proxecto Polos Creativos leva os alumnos e alumnas do centro pontecaldelán a descubrir a súa paixón polas ondas, que poñen en práctica nas horas lectivas e nos descansos
A Semana da Prensa no CEIP Plurilingüe A Reigosa conclúe coa entrevista a unha xornalista e un fotógrafo. G. GARCÍA
photo_camera A Semana da Prensa no CEIP Plurilingüe A Reigosa conclúe coa entrevista a unha xornalista e un fotógrafo. G. GARCÍA

Desde hai algúns cursos, os colexios de Educación Infantil e Primaria galegos xa traballan, en boa parte, con equipos de radio. Os primeiros centros incorporaron as emisoras como proxectos incluídos dentro dos plans de desenvolvemento das súas bibliotecas e, máis recentemente, moitos centros recibiron equipos de radio dentro do programa Polos Creativos da Consellería de Educación. Ese é o caso do CEIP Plurilingüe A Reigosa, de Ponte Caldelas, que, mentres apura os traballos para implantar todos os polos creativos nunha gran aula, ten avanzado a pasos de xigante no desenvolvemento da súa propia emisora de radio.

No centro levan un trimestre a traballar co programa informático, os dous micrófonos e a mesa de son que compoñen a radio. Ata o primeiro día desta nova etapa, eses materiais non eran máis ca iso: uns obxectos tecnolóxicos prometedores, cos que se ía poder facer, no futuro, iso que chaman radio e que moi poucos coñecían por dentro.

Pero chegou un día en que a emisora tivo que botar a andar e todo iso cambiou. O pequeno habitáculo que hai entrando á esquerda no cole pasou a acoller a Reigoradio e, grazas á pericia do mestre Antonio Domínguez Lama, titor de terceiro, todo o que pasa dentro do cuarto da radio pode escoitarse, en vivo e en directo en todo o cole: nas aulas, no patio e na zona exterior se se está no recreo. Deste xeito, Reigoradio pasa a ser un dos poucos, se non o único, espazo radiofónico dun colexio público, que, lonxe de facer audios que se poden buscar en Internet, se emite en directo para unha audiencia que basicamente son os alumnos e alumnas de todas as idades (o centro ten uns 110 estudantes) e o equipo docente.

undefined
Participantes na Reigoradio poñendo en marcha a emisión do boletín do recreo, o xoves 17 de marzo. G.G.

Na Reigoradio participan nenos e nenas de todas as clases e cursos, dependendo do que propoñan os seus mestres. Algúns, como os de sexto curso, aproveitan todas as posibilidades de ser os maiores da escola, e tamén de estar a piques de empezar unha etapa noutro centro, para acudir á radio coa súa titora, —e tamén impulsora da Reigoradio— Marta García Cimadevila.

"Comezamos abordando os xéneros xornalísticos, a entrevista, os medios de comunicación, como se traballa en equipo, e como é o procedemento para poder facer unhas informacións, pero traballamos a lingua, principalmente o galego, e despois, cada día falan dun tema que teña que ver coas materias", explica a mestra de sexto instantes despois de comandar unha entrevista coral de toda a súa clase.

O máis chamativo de Reigoradio non é que os nenos gusten de implicarse nun proxecto de radio, porque nestes anos se ten demostrado que é unha grande axuda nos centros para darlle pulo, entre outras cousas, ao uso do galego, senón a importancia que tomou para eles esta actividade, que consideran, mesmo máis divertida que o propio recreo.

Segundo explican os mestres, Marta García e Antonio Domínguez, os resultados no alumnado son positivos xa desde as primeiras semanas: hai alumnos que ata melloraron o comportamento para poder facer radio

"O resultado considerámolo moi positivo, primeiro, por ser unha aprendizaxe en evolución, na que fomos mellorando todos xuntos. Por exemplo, pasamos de facer cuñas publicitarias en directo a gravalas, ou a planificar e traducir noticias e temas de interese. Pero máis aló do traballo en lingua e nas materias, notamos implicación. Pasaron de pensar en se lles quedaría tempo do recreo incluso a mellorar a conduta para poder participar en maior medida", explica a mestra.

O equipo docente, liderado pola directora, Estefanía Torres Gaiteiro, confía en poder avanzar e contar co resto das áreas dos Polos Creativos en breve, aínda que, mentres tanto, a Reigoradio seguirá emitindo en directo, e cada día lectivo, nos recreos. "Eles son os adultos do futuro, non vemos mellor forma de que gañen confianza e aprendan dun xeito realmente significativo", conclúe a mestra.

(_G4A3546.JPG) PONTE CALDELAS de 11 10 a 12 00 ou un pouco mais Visita ao cole da Reigosa con reportaxe para nos e entrevista por parte dos nenos da radio a xornalista e grafico do Diario de Pontevedra pola semana da prensa13031
Tres alumnas, ante o micro. G. GARCÍA

Semana da Prensa

Nada mellor que contar cunha radio como a do CEIP Plurilingüe A Reigosa para practicar o aprendido na Semana da prensa cunha entrevista. Os alumnos de sexto de Primaria Marco, Alba, Antonio, Alba I., Carla, Anaís, Diego, Iván, Michael, Xavi, Uxía, Diego S., Victoria, Sara, Samuel, Zaira e Uxía fixéronlle varias preguntas á redactora de Diario de Pontevedra Águeda Piñeiro e ao fotógrafo Gonzalo García.

Xa no recreo, invertíronse os papeis e foron Guille, María, Uxía, Sara, Antía, Leire, Suhaila, Leo, Cloe e Alén, como representantes dos alumnos e alumnas de todos os cursos, os que asumiron o papel de entrevistados e respostaron ás preguntas da prensa explicando como é o seu día a día no centro e que lles gusta da súa radio.

Comentarios