Os Reis chegarán a Poio ás 10.45 e pasarán todo o día no concello

Visitarán as parroquias pola mañá, saudarán no Consistorio a mediodía e recibirán aos nenos na Carpa da Seca pola tarde
reis magos
photo_camera Cabalgata de Poio do ano pasado. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A chegada dos Reis Magos a Poio será o seguinte punto destacado da programación Vive o Nadal en Poio, tal e como adiantou a edil de área, Raquel Rodríguez, o luns na presentación do evento. "Logo de dous anos onde as restricións sanitarias nos condicionaron de forma inevitable, volvemos recibir as súas Maxestades de Oriente por todo o alto, nunha xornada que queremos que sexa máxica e inesquecible", explicou. Ademais de manter o formato da recepción real na carpa da Seca, que resultou todo un éxito na edición de 2022, a comitiva real tamén visitará todas as parroquias do municipio durante a mañá do 5 de xaneiro, ademais de facer unha Ruta Real pola PO-308 antes de chegar á Seca. Unha vez alí, non faltarán animación, música, inchables e obradoiros, a cargo de Barafunda.

Os Reis Magos chegarán a Poio, concretamente ao Casal de Ferreirós, ás 10.45 horas. Posteriormente, iniciarán o percorrido en tres vehículos diferentes, partindo do parque Rosalía de Castro. Logo de pasar polos núcleos do Vao, A Caeira, A Barca e A Porteliña, a comitiva pasará por Costa Xiráldez (11.40 horas), Praza da Granxa de Campelo (12.00), Praza da Chousa de Combarro (12.30), Praza Romay Besada de Samieira (13.00) e o porto de Raxó (13.20).

Serán visitas moi especiais, nas que se prevé un gran ambiente, amenizado por varios grupos locais, como son Vides Novas, Charanga 112, Batucada Os Queimatasas e a Charanga Mil9.

Posteriormente, ás 14.00 horas está prevista a chegada da comitiva á Casa Consistorial, onde as maxestades serán recibidas polo alcalde, Luciano Sobral, e realizarán a tradicional saúda desde o balcón do Concello.

Xa pola tarde, o percorrido pola PO-308 comezará ás 16.00 horas desde Ferreirós ata Raxó e, desde aí, a comitiva tomará rumbo cara a carpa da Seca, onde a gran celebración comezará ás 17.00 horas. Este ano, as cativas e cativos volverán poder estar cos Reis Magos e achegarse a eles para abrazalos e trasladarlles as súas peticións de agasallos. "Queremos que sexa o broche de ouro á programación de Nadal e unha xornada máxica para gozar en familia", sinala a edil, que recorda que desde hai varias semanas permanecen habilitados en diferentes emprazamentos do concello, incluída na propia carpa, os Buzóns de Nadal, nos que as crianzas poden depositar as súas cartas para enviar aos Reis Magos.

Pola súa banda, na carpa continúan as actividades estes días, o martes será o DJ Javi Solla o que amenizará, desde as 17.00 horas, unha gran festa infantil. O mércores ás 18.00 horas terá lugar o Cantar de Reis, a cargo de Máis Cantos. Ademais, continuará o Xoga na Seca! Con quads, karts a pedais, minis eléctricos e máquinas recreativas vintage.

Comentarios