Os Reis Magos farán videochamadas e visitarán Poio en coche

Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán as zonas do rural pola mañá e pola tarde os núcleos das cinco parroquias, dende o Pazo de Besada ata Raxó, retornando pola PO-308
O Rei Baltasar en Poio. J. CERVERA (ARCHIVO)
photo_camera O Rei Baltasar en Poio. J. CERVERA (ARCHIVO)

Os Reis Magos, que cada ano visitaban Poio na tradicional cabalgata, non deixarán de saudar aos cativos e cativas este ano, aínda que terán que adaptarse ao contexto da covid-19. As súas Maxestades de Oriente farán un roteiro en coche o vindeiro 5 de xaneiro e, como grande novidade este ano no municipio, realizarán tamén encontros personalizados coa cativada que así o desexe de xeito telemático, en videoconferencias que terán lugar os días 3 e 4 de xaneiro, entre as 16.00 e as 21.00 horas, para que os nenos e nenas de poio poidan darlles traslado dos seus desexos en primeira persoa. As persoas interesadas en contactar cos reis deberán enviar un correo electrónico á dirección [email protected], no que deben incluír os nomes dos rapaces, a parroquia na que viven e un teléfono de contacto ao que recibirán a chamada dos Magos de Oriente.

ROTEIRO. En canto á visita en coche, Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ao municipio na mañá do día 5 para facer un dobre percorrido por toda a vila. Deste xeito, ás 12.00 horas partirán das inmediacións do Pazo Besada para saudar á veciñanza do rural. Xa pola tarde, dende as 16.30 horas, os Reis Magos volverán a subirse aos seus vehículos para cubrir un percorrido que incluirá diferentes núcleos das cinco parroquias. Deste xeito, volverán a saír do Pazo Besada e pasarán por A Barca, Ferreirós, Costa Xiráldez, A Granxa, A Chousa, Praza Alfredo Romay e porto de Raxó, retornando pola PO-308.

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, animou á veciñanza a que esté moi pendente nos vindeiros días dos perfís oficiais do Concello nas redes sociais, onde se irá achegando información dos horarios "para que a xente poida asomarse á rúa para saudar aos Reis Magos". 

"Nun ano tan complicado como este que está a piques de rematar, e que resultou especialmente duro para as nosas crianzas, non podiamos permitir que a pandemia impedise que as nenas e nenos de Poio compartisen parte do seu tempo cos Reis Magos", asegurou Raquel Rodríguez, que non dubidou en agradecer ás Maxestades de Oriente "o seu esforzo e implicación" á hora de adaptarse ao contexto actual "para seguir ilusionando á rapazada". Neste sentido, a edil nacionalista lembrou que nos vindeiros días habilitaranse cinco buzóns, un en cada parroquia, para que as cativas e cativos de Poio envíen as súas cartas aos Reis Magos.

Esta visita de Melchor, Gaspar e Baltasar porá o broche de ouro á programación alternativa de Nadal impulsada polo departamento de Cultura, que incluíu pasarrúas e espectáculos gratuítos, nos que se cumpriu con todas as medidas de aforo, distanciamento e seguridade pertinentes e que resultaron un gran éxito. Raquel Rodríguez lembrou tamén que hoxe, mércores 30, e mañá, xoves 31 de decembro, os Trasnos do Nadal deixaranse ver por Raxó e Samieira (hoxe pola mañá), así como por Lourido (horario de tarde). Na mañá de Fin de Ano estarán en Campelo.

Comentarios