Os Reis Magos madrugaron para repartir ilusión por toda a comarca de Pontevedra

Concellos como Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas o Soutomaior gozan da atípica visita das Súas Maxestades a causa da pandemia do covid-19
Os Reis Magos, nun momento do seu percorrido polo municipio de Cerdedo-Cotobade. Á.P.
photo_camera Os Reis Magos, nun momento do seu percorrido polo municipio de Cerdedo-Cotobade. CEDIDA

Os máis cativos do rural de moitos concellos da contorna de Pontevedra xa tiveron o seu encontro coas Súas Maxestades de Oriente. Os máis, madrugadores, como cada ano, foron os de Cerdedo-Cotobade, que desde as 10.30 horas estaban percorrendo o municipio nunha ruta que se iniciou en Santa María de Sacos despois da visita ao Concello, en Carballedo, e que non rematará ata a tarde, con unha recepción en Cerdedo.

So na quenda de mañá, os Reis fixeron 14 paradas para saudar e lanzar caramelos os nenos. Ataviados con máscaras quirúrxicas e custodiados polos vehículos e sereas de Protección Civil, os Reis evitaron en todo momento as aglomeracións e limitaron a cinco minutos a parada en cada localidade.

Paso dos Reis Magos por Ponte Caldelas. Á.P.
Paso dos Reis Magos por Ponte Caldelas. CEDIDA


En Ponte Caldelas, a comitiva Real tamén percorreu unha parte do municipio pola mañá, despois dunha fugaz visita ao Concello, neste caso, estarán percorrendo o rural nunha caravana de coches antigos ata as 17.10, momento en que se pechará a ruta na vila.

Atentos á normativa e para manter ao covid á raia, neste caso as Súas Maxestades ían ataviados cos cubrecaras e evitaron lanzar lambetadas ou facer paradas en distintos puntos do municipio.

Os Reis Magos en Soutomaior. Á.P.
Os Reis Magos en Poio. CEDIDA

No caso de Soutomaior, a comitiva real tamén iniciou a andadura no Concello onde os Magos fixeron unha foto oficial co alcalde ante o belén de madeira que este ano adorna a contorna do Concello.

Tras percorrer a zona rural durante a mañá, pola tarde estarán en Talorío e no centro de Arcade e haberá unha pequena recepción cos máis pequenos, de novo cumprindo no máximo a normativa sanitaria.

POIO. As zonas da Caeira, O Vao, Fragamoreira, Arís, Escusa Pereiro, Casalvito, Renda, Covelo, Arén e Lameiriña, foron as primeiras en recibir a visita dos Reis Magos en Poio.

As Súas Maxestades iniciaron sobre as 12.00 horas o percorrido polo municipio, non sen antes facer unha parada nas escaleiras do Pazo Besada, onde, ademais da concelleira de Cultura, non faltaron xa algúns cativos que quixeron saudalos.

O percorrido seguirá na tarde deste martes, desde as 16.30 horas, momento no que os Magos partirán de novo do Pazo de Besada cara a Casa Rosada, Ferreirós, San Xoán, Beiramar, Lourido, Campelo, Combarro e Samieira, ruta de ida e volta, na que irán protexidos con máscara e non compartirán lambetadas, pero si saudarán desde os vehículos, sen facer paradas nin baixar pra evitar as aglomeracións de público.

CAMPO LAMEIRO. O único concello da comarca de Pontevedra que non fixo encontros nin percorridos cos Reis Magos foi o de Campo Lameiro. Como medida para evitar a expansión do virus e tamén como vía orixinal de gozar da víspera de Reis, o Concello avogou por unhas videochamadas personalizadas aos cativos que tiveron lugar en xornadas precedentes e tamén por un vídeo de humor que se emitiu este mediodía nas redes sociais do Concello e que está a ter boa acollida.

Nesta produción, un coñecido xa da veciñanza en materia de iniciativas sociais, o cura Fermín Santiago protagoniza unha chamada telefónica aos Magos de Oriente para asegurarse de que Agripina, unha muller interpretada por unha veciña do municipio, recibirá agasallo este ano e será perdoada tras protagonizar unha agresión involuntaria ao apalpador. A peza remata coa intervención dos Reis, que mandan recordos a toda a veciñanza e un especial para a cativada e reivindicando tamén o humor, e o orgullo de facer cousas diferentes pese a ser un concello pequeno do rural.

Os Reis Magos, en A Lama

Os Reis Magos en A Lama. CEDIDA

A LAMA. As Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente, ataviados con máscaras, fixeron a súa primeira parada na comarca do Verdugo-Oitavén na Alameda da Lama, onde realizaron un encontro cos cativos do municipio mantendo en todo momento o distanciamento social e as medidas sanitarias. Membros de Protección Civil con xel hidroalcólico foron desinfectando, un a un, as mans dos asistentes a este evento.

Os Reis Magos chegaron desde Racelo, polo centro da vila, ata o Consistorio, onde foron recibidos polo alcalde, Jorge Canda, e os concelleiros David Carrera e Daniel Vidal, quen lle deron a benvida ao concello ás Súas Maxestades. Posteriormente, realizaron a pé o traxecto que separa o edificio municipal da Alameda deténdose nos parque infantil para admirar os novos aparatos de xogos alí instalados.

Entraron na Alameda escoltados por voluntarios da Agrupación de Protección Civil Oitavén-Tea onde un enorme cordón de peche perimetral mantiña a distancia ás familias dos Reis Magos. 

Lembráronlle aos asistentes a importancia de deitarse cedo, poñer nas portas ou xanelas os zapatos ben limpos e deixar algo de beber e comer para os camelos e tamén para as Súas Maxestades. Ao remate da audiencia a distancia, os Reis deron unha volta polo recinto pechado e perimetrado saudando aos cativos e facéndose fotos co distanciamento debido.

Comentarios