O Concello de Vilaboa anunciou onte o remate da primeira parte do proxecto de rehabilitación do Forno do Cal.
A edificación está xa rehabilitada e lista "para converterse nun novo activo de interese turístico, cultural e patrimonial de Vilaboa", indica o Goberno local, e engade que nas últimas semanas o conxunto patrimonial recibiu xa varias visitas escolares do alumnado dos colexios do municipio para coñecer o funcionamento desta estrutura agora totalmente recuperada.
Trátase dun elemento singular do patrimonio industrial de principios do século pasado situado en San Adrián de Cobres que antes da actuación estaba oculto pola maleza. A rehabilitación completouse grazas a unha actuación xestionada a través do GALP. O importe da obra foi de 120.783.57 euros, cunha baixa na adxudicación de 934,08 euros.
Do total, o Femp (Fondo Europeo Marítimo Pesquero) achegou 79.428,17 euros; a Xunta, 14.016,73 euros e o Concello 26.404,59 euros. "A idea é que os centros escolares de Vilaboa utilicen este recurso tamén de xeito didáctico para que o noso alumnado valore e recoñeza esta parte da nosa historia recente", apunta César Poza, alcalde de Vilaboa.