A Rente do Chan desvela o obstáculo que sacaría do Verdugo: a represa do Balneario

A asociación promoverá a redacción dunha moción e quere propoñelo tamén a Augas de Galicia
Represa do Balneario. DP
photo_camera Represa do Balneario. DP

O colectivo A Rente do Chan iniciará unha campaña de apoio para a eliminación dun novo obstáculo no río Verdugo: a represa do Balneario.

A asociación promoverá a redacción dunha moción para que se debata no pleno e quere propoñer tamén as súas ideas a Augas de Galicia. A proposta chega despois da charla impartida hai unha semana na Casa da Cultura na que se exploraron as posibilidades que hai de eliminar elementos urbanos no cauce do río para evitar ou paliar as enchentes que se producen e que este ano acabaron co terreo de xogo do campo de Chan da Barcia, causando danos por máis de 250.000.

A represa do Balneario é unha construción antiga que atravesa de lado a lado o cauce e retén un caudal que sería importante deixar fluír en caso de crecidas. A asociación realizou dúas simulacións informáticas sobre o tramo urbano do río, cos caudais máximos que rexistrou o río o 4 de novembro deste ano (217 metros cúbicos por segundo), sobre unha orografía con e sen esta represa e as simulacións constatan que o río non chegaría a asolagar o campo de fútbol e destrozalo, se non tivese o obstáculo augas abaixo.

Simulación da crecida con represa e sen ela. DP
Simulación da crecida con represa e sen ela. DP

O colectivo explicou na reunión que é o impacto das zonas urbanas da vila invadindo a zona inundable o que causa os problemas de danos e desperfectos a raíz das enchentes e lembrou que este río ten unha tipoloxía concreta, de cauce inmoderado, o que fai que en moi pouco tempo reciba achegas de auga de unha gran área de territorio, o cal provoca as crecidas moi repentinas e que, do mesmo xeito, perden a forza tamén en cuestión de horas.

Comentarios