domingo. 18.08.2019 |
El tiempo
domingo. 18.08.2019
El tiempo

CLAUDIO FRAGA, APICULTOR DE CAMPO LAMEIRO QUE RENUNCIA A RETIRAR AS VELUTINAS PARA O CONCELLO

"Renunciei cando vin que pedían os albaráns dos gastos, pero non das horas que empreguei"

Fraga amosa unha arpa eléctrica das que tivo que instalar nas colmeas para combater as vespas asiáticas. J. CERVERA
Fraga amosa unha arpa eléctrica das que tivo que instalar nas colmeas para combater as vespas asiáticas. J. CERVERA

Aínda que iso signifique ter que redobrar esforzos nas súas cen colmenas, Claudio acaba de presentar a renuncia a xestionar o servizo de retirada de niños no concello de Campo Lameiro pola falta de implicación por parte das administracións

Hai apenas 24 horas unha persoa de Campo Lameiro, da parroquia de Painceiros, tivo que ser atendida nun centro hospitalario despois de recibir a picadura dunha avespa velutina. A noticia chega na semana en que se soubo da renuncia de Claudio Fraga Ricoi, o único apicultor do municipio rexistrado como tal, e responsable, ata decembro, da retirada de niños en todo o termo coa colaboración doutros dous voluntarios: o xubilado Eulogio Valiño e a bióloga e comerciante Martina Viéitez.

Por que presentou a súa renuncia a realizar este servizo?
No ano 2017 chegamos a un acordo e traballamos ben, abonáronnos a final de ano os esprais e os materiais empregados na retirada dos niños das velutinas. No 2018 non foi así. Traballamos desde o principio de ano, pero en novembro, unha vez rematado o ciclo, mandaron todo de volta pedindo os albaráns. Cando se lle mandaron os albaráns, devolveron de novo as facturas pedindo unha relación dos avisos ao 012, e cando tiveron iso aínda mandaron todo outra vez pedindo un estudo de cada caso. Ao final entreguei un estudo de 50 páxinas e a miña renuncia, e do resto dos voluntarios, Eulogio e Martina, para facer esta tarefa.

Efectos da praga
"Agora vese que se adaptaron ao frío. Cada mañá poden verse velutinas nas colmeas. Nós tivemos un 50% menos de produción"

Cre que había algunha desconfianza respecto á factura?
Non. Este ano traballamos con trampas comerciais e con outras feitas por nós mesmos e notouse o resultado. Ao final retiramos 48 niños e o ano anterior andamos preto de cen. A factura era de centos de euros, pouca cousa.

Ao final cobrouna?
Cobrei, pero xa despois de ter presentado a dimisión. Renunciei cando vin que pedían albaráns dos gastos, pero non preguntaron cantas horas empreguei como voluntario. Porque moito pedir estudos de cada caso, pero nin preguntar polos quilómetros, o gasoil nin pola parte do meu tempo gastada niso.

Que pensa que pasará este ano?
Desde que se presentou a renuncia aínda non deberon atopar ningunha solución porque os avisos do 012 séguenme chegando a min. En 2019 xa levamos cinco. Eu estou dicindo sempre que teñen que porse en contacto co Concello, que xa non estou niso.

Solucións
"Quen ten que moverse son a Xunta e os concellos. Isto non se pode facer sen constancia"

Vostede, como apicultor, nota os efectos da presenza desta praga?
Moito. Temos as velutinas nas entradas das colmeas, porque as abellas son présa fácil para elas. Antes era só no seu ciclo. Agora, vese que se adaptaron ao frío e temos acción todo o ano. Cada mañá poden verse velutinas na entrada das colmeas e xa tiñan que estar hibernando. Este ano parece que non o van facer, que van saír dos niños directamente para establecer os novos niños primarios... Nós tivemos un 50% menos de produción por ser un mal ano. Ademais, xerou moito gasto, entre arpas eléctricas, atraíntes, placas solares...

Acaba de haber un caso de ataques no concello?
Si. Tiven constancia de que picaron a unha persoa en Painceiros e precisou asistencia, tal vez por ser alérxica...

Que pide para que se manteña o control sobre a praga?
Quen ten que moverse son a Xunta e os concellos. Isto non se pode facer deste xeito, sen constancia, sen facer o traballo de prevención. Vén aí a primavera e sería importante que se moveran un pouco e informaran a xente sobre como trampear e actuar en cada época.

"Renunciei cando vin que pedían os albaráns dos gastos, pero non...
Comentarios