Os residentes no casco histórico de Combarro terán prazas de aparcamento

A Concellería de Seguridade Cidadá creará estes espazos nunha parcela que mercará nas proximidades ao núcleo, ante a "falta de acordo" con Portos de Galicia dende a proposta de 2019
No Paseo das Redeiras tamén se gañarán prazas ao suprimir o espazo para autobuses, que terán parada rotatoria. DP
photo_camera No Paseo das Redeiras tamén se gañarán prazas ao suprimir o espazo para autobuses, que terán parada rotatoria. DP

A falta de aparcamento era unha circunstancia que viñan aqueixando os residentes do casco histórico de Combarro, especialmente coa chegada da tempada estival, que xa está ás portas.

Precisamente, coa vista posta no verán, o Concello de Poio vén de anunciar a habilitación de varias prazas de estacionamento adicadas á veciñanza do casco histórico que, tal e como explicou a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, servirá para darlle "un novo pulo a un proxecto no que a Administración local leva tempo traballando!, pero que ata o de agora non foi posible completar, xustificou, debido á situación provocada pola pandemia e "á falta de entendemento con Portos de Galicia", titular destes espazos, "que non autorizou o plan inicial do Concello".

Ante a negativa da entidade autonómica, o Concello cambia de fórmula, e adquirirá unha parcela situada nas proximidades do núcleo histórico, para o uso dos veciños e veciñas que residan neste emblemático emprazamento.Caldas Moreira lembrou que, no proxecto inicial, o Concello apostaba por habilitar prazas para residentes no Paseo das Redeiras e na Baixada á Chousa, pero "atopámonos coa negativa de Portos, polo que tivemos que buscar outras alternativas".

Este espazo servirá como aparcamento disuasorio e axudará a garantir que "os e as residentes no núcleo histórico de Combarro poidan contar con estacionamentos propios, sen que o aumento de visitantes que se rexistra habitualmente nesta época do ano afecte á súa mobilidade sostible", indica a concelleira do Goberno local.

Caldas Moreira confía en chegar a un consenso con Portos para permitir estacionamentos no recinto portuario

MÁIS PRAZAS. Caldas Moreira adiantou tamén que, a maiores, estase a estudar un emprazamento noutra parcela para o uso xeralizado, e confirmou que se gañarán máis prazas de estacionamento nas inmediacións do peirao da Canteira e do Paseo das Redeiras, ao suprimirse o espazo para buses. Este últimos pasarán a contar cunha parada rotatoria p, onde poderían estacionar durante un lapso de tempo concreto, a fin de permitir o transporte de usuarios e usuarias. "Isto tamén servirá para gañar fluidez e evitar retencións de circulación", sinalou a concelleira.

A través destas medidas, a Concellería pretende que exista "unha harmonía entre o fluxo de visitantes durante a temporada estival e a garantía de que as persoas que residen no casco histórico dispoñan de lugares nos que poder deixar os seus vehículos particulares", e confía en que, en momentos puntuais, como poden ser días festivos ou fins de semana da temporada estival, se poidan acadar acordos concretos con Portos para permitir estacionamentos no recinto portuario sen que afecte ao sector pesqueiro.

Caldas tamén expresou o seu desexo de estudar fórmulas que permitan incentivar os aparcamentos rotatorios en lugares como o Paseo das Redeiras, para evitar que haxa vehículo que permanecen estacionados na zona durante varios días.

Comentarios