Combarro ampliará a oferta de aparcamentos para residentes en Semana Santa

Contarán cun límite de 24 horas ▶ 20 delas quedarán a disposición da veciñanza de xeito permanente nunha parcela da Avenida da Costa
As prazas na baixada á Chousa e Maceiras estarán operativas a partir do día 12. DP
photo_camera As prazas na baixada á Chousa e Maceiras estarán operativas a partir do día 12. DP

O mapa do estacionamento en Combarro mudará durante esta Semana Santa, a través dun dispositivo que garantirá un total de 50 prazas destinadas exclusivamente ás persoas residentes, así como diferentes espazos para turismos e parada de autobuses. A Concellería de Seguridade Cidadá busca solventar a problemática do estacionamento que a veciñanza sofre en cada periodo vacacional mediante diferentes espazos que se habilitarán con este motivo. En primeiro lugar, haberá 20 prazas de nova creación nunha parcela ubicada nas inmediacións da Avenida da Costa, a carón da PO-308, á que os veciños e veciñas poderán acceder dende a rúa Costa de Abaixo. A maiores, súmanse outras 30 prazas para residentes que estarán operativas a partir do día 12 de abril e ata finalizar a Semana Santa nas rúas Maceira e Baixada á Chousa.

No caso das prazas de nova creación na Avenida da Costa, o Concello ultima nestes momentos a súa posta a punto, co obxectivo de que quede a disposición da veciñanza de xeito permanente e estará operativo en canto as condicións meteorolóxicas permitan o remate dos traballos

Mapa de estacionamentos en Combarro durante a Semana Santa. DP
Mapa de estacionamentos en Combarro durante a Semana Santa. DP

OPERATIVA E USOS. O estacionamento para residentes nas 50 prazas que se habilitarán terán un límite de tempo máximo de 24 horas, para garantir a rotación de vehículos. O cumprimento desta medida será vixiado pola Policía Local, se ben, tal e como explicou a edil responsable deste departamento, Marga Caldas, non será necesaria tarxeta de residente. Deste xeito, o control levarase a cabo mediante as matrículas dos vehículos, se ben todas as persoas que sexan residentes en Combarro pero que teñan o seu vehículo rexistrado noutro lugar ou estean empadroadas noitra zona terán que acreditar con documentación, como poden ser facturas de servizos, que residen en Combarro para estar exentas de multa.

Ao mesmo tempo, o plan de tráfico mantén as prazas para servizos, e inclúe lugares  de estacionamento temporal de 15 minutos para autobuses, ubicados nas inmediacións do porto e en dúas zonas da PO-308, co obxectivo de garantir máis prazas para turismos nas proximidades portuarias.

Ademais, segundo o plan, só poderán estacionar turismos nas inmediacións do CEIP Chancelas, para evitar posibles masificacións pola presenza de autocaravanas.

Habilitado o campo de billarda para autocaravanas
O Concello vén de habilitar, ao igual que en anos anteriores, o campo de billarda da Seca (San Xoán), para permitir o estacionamento de autocaravanas, que non poderán optar por aparcar nas inmediacións do CEIP Chancelas. No lugar xa se instalou un valado de madeira para delimitalo.

 

NOVOS APARCAMENTOS. A edil de Seguridade Cidadá explicou que o departamento atópase pendente de que Portos de Galicia "dea luz verde" ao proxecto que se levará a cabo no Paseo das Redeiras, e que provocará o traslado do parque infantil para poder dotar ao espazo de 25 prazas de estacionamento "que xa contan con orzamento definido, para poder iniciar os traballos".

No que respecta ao acondicionamento doutras parcelas, Caldas asegurou que unha vez finalizada a Semana Santa acondicionarase a de Cela e Pinela. "Estamos agardando a recibir todos os informes sectoriais pertinentes", apuntou- "Somos conscientes da demanda existente e, por iso, apostamos por un plan que dea resposta ás necesidades de Combarro, para garantir aparcadoiros ás persoas residentes", dixo.

Comentarios