Un restaurante de Poio denuncia roubos con forza por parte dun antigo empregado

O home, veciño do municipio, está a ser investigado pola Policía Local como presunto responsable de perpetrar o delito de xeito reiterado
A denuncia foi interposta no comisaría de Poio. POLICÍA LOCAL
photo_camera A denuncia foi interposta no comisaría de Poio. POLICÍA LOCAL

A Policía Local de Poio atópase investigando a un home, veciño do municipio, considerado como presunto responsable de perpetrar varios delitos de roubo con forza nun restaurante situado na parroquia de San Xoán. O presunto delincuente é, segundo denunciaron os donos do propio restaurante, un antigo empregado do local.

O detonante que levou aos donos do negocio a presentar a denuncia hai uns días foi atopar forzada unha das entradas ao establecemento que, ao tratarse dunha entrada reforzada, non chegou a ceder, polo que o asalto non se chegou a producir nesta ocasión. Sen embargo, as cámaras de seguridade do local chegaron a gravar ao actual investigado, que puido ser recoñecido coma un antigo traballador que, ao parecer, xa perpetrara varios roubos previos ao longo do último ano no mesmo establecemento, levando cartos en efectivo, un televisor e un ordenador portátil.

Tras o asalto sistemático por parte deste poiense ao local, o dono viuse na obriga de instalar un reforzo na entrada, polo que nesta ocasión puido evitar o roubo. Os sucesos anteriores tiveron lugar entre outubro e novembro de 2019, así como en diferentes meses ao longo do 2020. Segundo puido constatar a Policía Local, existen diferentes gravacións nas que se pode ver ao individuo accedendo ao interior do restaurante en plena noite, fóra do horario de actividade, nas horas previas ás que os responsables do negocio descubriron os furtos. Ademais, tamén hai varias testemuñas que reforzaron a declaración do denunciante. As dilixencias foron entregadas recentemente no Xulgado de Garda de Pontevedra.