O rexeitamento da Xunta a recuperar Castiñeiras levará ao BNG a convocar mobilizacións

Os nacionalistas queren convocar aos movementos sociais e comunidades de montes para adoptar medidas baixo o lema compartido SOS Castiñeiras

Vista do Lago Castiñeiras, no centro do Parque de Cotorredondo. ADP
photo_camera Vista do Lago Castiñeiras, no centro do Parque de Cotorredondo. ADP

O deputado nacionalista Luís Bará anunciou este xoves novas medidas de defensa do espazo natural de Cotorredondo e a Lagoa de Castiñeiras. Bará fixo públicas as intencións do BNG xusto despois do debate na Mesa do Parlamento sobre a proposta para recuperar a zona do parque forestal, situado entre os montes de Vilaboa, santa Cristina de Cobres e San Xulián de Marín.

O PP votou contra a iniciativa para rescatar do abandono toda a zona de ocio e natural, de xeito que esta quedou sen eco. O seguinte paso, segundo indicou Bará, será convocar a todos os colectivos afectados, comezando polas tres comunidades de montes, pero contando tamén con colectivos, entidades sociais e particulares, para decidir como defender este espazo no que, lembrou o deputado, a Xunta «non cumpre» nin o convenio que ten asinado cos comuneiros de Vilaboa para manter en bo estado o monte. "O lema para as actuacións será un lema compartido, SOS Castiñeiras", sinalou o deputado por Pontevedra e entre as accións que se proporá levar a cabo na xuntanza coas entidades están as mobilizacións sociais e mesmo un roteiro polo monte no que reivindicar os valores naturais e elementos patrimoniais que hai neste parque forestal.

Luís Bará insiste na necesidade de "revertir o abandono" dunhas instalacións que tiveron un alto poder de convocatoria entre a veciñanza de toda a comarca e conseguir que "recupere o seu esplendor".

Un deterioro cada vez máis evidente

O deterioro do parque forestal é evidente por distintas causas, segundo reseñou o deputado na súa iniciativa rexeitada no Parlamento.

Unha delas é a falta de coidados de todo o xardín botánico e das zonas arboradas.

Outra é que o elemento máis emblemático do parque, a lagoa artificial, queda prácticamente seca nos veráns, posto que non se fai mantemento da mesma nin se arranxan as súas fendas.

Ademais, o valado de maderia que rodea a área do parque está deteriorado ou ben xa non existe. O mobiliario do mesmo, que compoñía distintas zonas de merendeiro, está en mal estado. As zonas de baño adoecen de falta de limpeza e de mantemento. A maleza invade as zonas de merendeiros ou as que estaban habilitadas para os usuarios. A sinalización é deficiente, así como o estado dalgúns accesos.

O traslado a Cerdedo-Cotobade do Centro de Recuperación de Fauna que se atopa no parque de Castiñeiras deixará a maior parte das instalacións e edificacións sen uso.

Comentarios