Rosa Fernández: "A pandemia causou moitas depresións entre a xente maior"

O programa Saudemente da Concellería de Benestar volve á actividade e nas últimas horas xa superou o nivel de inscricións da última edición
Rosa Fernández, nos xardíns da Casa Rosada, onde se recollen inscricións. B. CÍSCAR
photo_camera Rosa Fernández, nos xardíns da Casa Rosada, onde se recollen inscricións. B. CÍSCAR

Hai pouco máis dunha semana que se abriu a inscrición e o programa Saudemente xa acadou nas últimas horas un total de 74 persoas anotadas, aínda varios días antes de comezar a actividade, que dará o pistoletazo de saída na segunda semana de outubro, e sobrepasando xa os niveis da anterior edición, onde os inscritos foron un total de 70. As previsións da concellería de Benestar Social é que "continúen aumentando nos vindeiros días", e prevese que incluso poidan roldar o récord de 120 usuaruios de hai dous anos.

E é que, tal e como salientou a concelleira responsable, Rosa Fernández, a volta á actividade presencial xa se facía necesaria para os maiores do municipio. "Nótase que precisaban volver a vir en persoa. Tivemos algunhas clases este ano, pero con menos xente e por grupos reducidos, e agora volvemos á normalidade sempre que a situación sanitaria o permita, cunha hora de Memoria e outra de Ximnasia", explicou.

A pesar de que durante este tempo "tratamos de manter a actividade, e incluso no primeiro ano de pandemia lles mandamos as fichas á casa a través de Protección Civil", para os maiores, "estar pechados na casa mermou moito o seu día a día, e deterioráronse máis". Neste sentido, a forte aposta da Concellería por Saudemente non só é o resultado dunha actividade que se desenvolve con "moito éxito" no municipio, senón que responde a unha necesidade, especialmente despois dos últimos meses. "A pandemia causou moitas depresións e tivo todo tipo de efectos entre a xente maior. Notáronse moito as súas consecuencias, porque os atopamos moi decaídos", valorou a edil.

Para moitos maiores do municipio, Saudemente siginifica "levantarse, prepararse, saír da casa e falar con outros compañeiros durante o tempo que dura a actividade. É algo que lles fai moito ben e cando lles falta iso nótano. A xente maior está moi contenta de volver, e así nolo transmiten moitos deles. Estábano agardando e para eles é fundamental, porque se senten sós. Por iso, en Poio prestámoslles moita atención aos maiores", afirmou Fernández.

As sesións, dirixidas a persoas maiores de 60 anos, terán lugar de xeito presencial os martes e xoves no pavillón da Seca, no local social de Campelo, Escola do Campo de Combarro, Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, Comunidade de Montes Rega do Can de Samieira, e no local social de Vilariño. A inscrición continúa aberta, pódese facer na Casa Rosada, e a cota mensual é de 10 euros.

Comentarios