O roupeiro de Poio xa atende a 12 persoas ao mes

Roupa de home e calzado son as principais necesidades deste servizo

A concelleira, nas instalacións onde se gardan as prendas e enseres doados polos veciños e veciñas. D.P.
photo_camera A concelleira, nas instalacións onde se gardan as prendas e enseres doados polos veciños e veciñas. D.P.

Roupa de home e calzado son as principais demandas actuais do servizo de roupeiro de segunda man do Concello de Poio.

A edil de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, fixo balance esta semana dos seis primeiros meses do servizo, que se implementou coa súa chegada ao Goberno e que se xestiona co apoio de Educación Familiar e Servizos Sociais do Concello.

Segundo explica a concelleira, nestes primeiros seis meses atendeuse a máis de 20 familias usuarias, un total de 76 usuarios, o que dá unha media de doce ao mes. Cada martes, a propia concelleira e persoal municipal visitan o roupeiro na Casa Rosada para recibir ás persoas que son derivadas directamente polos Servizos Sociais municipais e que, persoalmente, teñen a oportunidade de elixir o tipo de prendas que máis lle gustan ou que precisan en cada momento entre as existencias do departamento.

"O obxectivo é atender, apoiar e axudar ás familias con dificultades, ao mesmo tempo que fomentamos e potenciamos o uso de roupa de segunda man, roupa que está en bo estado, que previamente pasa un filtro, dando unha segunda vida a prendas ou artigos que outras persoas xa non utilizan". A propia concelleira e a educadora familiar encárganse de seleccionar a roupa, comprobar que estea en boas condicións.

As persoas usuarias asinan un documento comprometéndose a non revender a roupa que se lle doa.

O roupeiro municipal non só axuda ás persoas que reciben as prendas, senón que tamén beneficia ás persoas que buscan un lugar no que desprenderse de roupa ou, incluso, outras pertenzas que están en bo estado pero que xa non lle son útiles e non saben que facer con elas. De feito, nestes meses tamén son moitas as doazóns que se recibiron de veciños de Poio e, incluso, doutros concellos da contorna. As persoas que queiran facer as súas doazóns, poden entregalas ou informarse no Pazo Besada en horario de mañá ou na Casa Rosada, tamén en horario de tarde. Ademais de roupa e calzado, tamén poden facer entrega de roupa de cama, artigos para bebés, mochilas... que estea limpa e en bo estado.

Comentarios